Volver ao contido

Saúda do Conselleiro

Como responsable do departamento de Facenda da Xunta de Galicia doulles a benvida ao espazo web da Consellería.

Galicia afronta o reto de darlle pulo á recuperación da nosa economía. Vimos de atravesar unha crise sen precedentes nos máis de 30 anos de Autonomía, que puxo en risco o estado de benestar e mesmo o noso autogoberno. As políticas desenvolvidas pola Xunta nestes últimos anos permitiron salvagardar estes dous piares. E agora, grazas ao esforzo de toda a cidadanía, iniciamos unha nova etapa na que aspiramos a acadar un modelo de crecemento san que beneficie ao conxunto dos galegos, incluídas as vindeiras xeracións.

Dende a Consellería de Facenda traballamos para que Galicia continúe sendo unha comunidade solvente, crible, rigorosa e moderna. Por iso seguiremos cumprindo cos principios de estabilidade orzamentaria, porque entendemos que é a mellor vía para acadar unhas bases de crecemento sólidas, controlando as nosas contas do mesmo xeito que fai calquera familia galega.

Entre as nosas liñas de traballo tamén seguirá estando a blindaxe do gasto social, unha prioridade innegociable nun territorio coma o galego, no que o avellentamento e a dispersión xeográfica son feitos diferenciais. E tamén mantemos como obxectivos seguir impulsando os investimentos produtivos, pagar aos nosos provedores coa maior axilidade posible e reforzar a loita contra a fraude fiscal. Nestes eidos Galicia xa ten demostrado que é unha comunidade de referencia en toda España.

Todas as prioridades de actuación da Xunta a medio e longo prazo van quedar fixadas no novo Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020. Este plan será froito do traballo conxunto coa sociedade civil galega, e irá ademais en liña cos eixos prioritarios do novo marco comunitario.

En definitiva, temos por diante o reto de aproveitar esta nova etapa de crecemento para mellorar o benestar de todos os galegos e loitar contra as desigualdades sociais. Queremos unha Galicia máis competitiva, máis próspera, con máis emprego e máis igualdade de oportunidades. E cunha Administración moderna e eficiente ao servizo dos cidadáns. En definitiva, unha Comunidade atractiva para investir, traballar e convivir.

Co convencemento de que temos unha gran oportunidade que está nas nosas mans, trasládolles o meu saúdo máis cordial.


Valeriano Martínez
Conselleiro de Facenda