Volver ao contido

Procedemento

O escrito de interposición dirixirase ao órgano administrativo que ditou o acto impugnado, indicando que presenta reclamación económica administrativa ante a Xunta Superior de Facenda.

A presentación da reclamación poderase facer na forma sinalada no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

A interposición da reclamación realizarase obrigatoriamente a través da sede electrónica do órgano que ditase o acto impugnado cando os reclamantes estean obrigados a recibir por medios electrónicos as comunicacións e notificacións.

O escrito de interposición da reclamación económico-administrativo, dirixido ao órgano administrativo que ditou o acto obxecto de reclamación para que o remita á XSF, deberá conter os seguintes extremos:

  • Nome e apelidos ou razón social ou denominación completa, número de identificación fiscal e domicilio do interesado. No caso de que se actúe por medio de representante, deberase incluír a súa identificación completa. Neste caso deberá acompañar o documento que acredite a representación.
  • Domicilio que o interesado sinala para os efectos de notificacións.
  • Acto administrativo ou actuación que se impugna ou que é obxecto do expediente, data en que se ditou, número do expediente ou clave alfanumérica que identifique o acto administrativo obxecto de impugnación e demais datos relativos a este que se consideren convenientes, así como a pretensión do interesado.
  • Alegacións:
    • No procedemento xeral o escrito poderá limitarse a solicitar que se teña por interposta a reclamación ou ben incorporar as alegacións, achegando as probas e documentos que se estime convenientes, isto supón renunciar ao trámite de alegacións, salvo indicación expresa en contrario.
    • No procedemento abreviado as alegacións e probas deben incorporarse necesariamente no escrito de interposición, dado que a súa falta non é emendable.
  • Lugar, data e firma

As reclamacións económico-administrativas tramitaranse polo procedemento abreviado cando sexan de contía inferior a 6.000 euros ou 72.000 euros se se trata de reclamacións contra bases ou valoracións.

As reclamacións deberanse presentar obrigatoriamente no prazo de 1 mes, contado a partir do día seguinte a aquel en que teña lugar a notificación ou desde o seguinte a aquel en que se produza a desestimación por silencio administrativo (art. 235 LXT). O prazo concluirá o mesmo día en que se produciu a notificación, ou silencio administrativo no mes de vencemento. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente a aquel en que comeza o cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

As reclamacións resolveranse nos seguintes prazos:

  • 1 ano, no caso de procedemento xeral económico administrativo.
  • 6 meses, no caso de procedemento abreviado ante órganos unipersoais.
  • 1 mes, no caso de resolución de recursos de anulación.
  • 6 meses, no caso de resolución de recursos de revisión.
  • 6 meses, no caso de rectificación de erros.

Transcorridos eses prazos o interesado poderá entender desestimada a reclamación ao obxecto de interpoñer o recurso procedente.

Recurso de anulación, poderase interpoñer no prazo de 15 días ante o tribunal que ditou a resolución impugnada e exclusivamente nos seguintes casos:

  1. Cando se declarou incorrectamente a inadmisibilidade da reclamación.
  2. Cando se declararon inexistentes as alegacións ou probas oportunamente presentadas.
  3. Cando se alegue a existencia de incongruencia completa e manifesta da resolución.

Tamén se poderá interpoñer recurso de anulación contra o acordo de arquivo de actuacións do artigo 238 da LXT.

O escrito de interposición incluirá as alegacións e achegará próbalas pertinentes.

Recurso contencioso administrativo, as resolucións que poñan fin á vía económico administrativa serán susceptibles de recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O prazo de interposición será de dous meses ou seis meses no caso de silencio administrativo.

Recurso extraordinario de revisión, poderá interpoñerse contra os actos firmes da Administración tributaria e contra as resolucións firmes da Xunta Superior de Facenda cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

  1. Que aparezan documentos de valor esencial para a decisión do asunto que fosen posteriores ao acto ou resolución recorridos ou de imposible achega ao tempo de ditarse os mesmos e que evidencien o erro cometido.
  2. Que ao ditar o acto ou a resolución influísen esencialmente documentos ou testemuñas declarados falsos por sentenza xudicial firme anterior ou posterior a aquela resolución.
  3. Que o acto ou a resolución ditouse como consecuencia de prevaricación, suborno, violencia, maquinación fraudulenta ou outra conduta punible e declarouse así en virtude de sentenza xudicial firme.

O recurso interpoñerase no prazo de tres meses a contar desde o coñecemento dos documentos ou desde que quedou firme a sentenza xudicial.