Volver ao contido

Actualidade Orzamentaria

A Xunta aproba un orzamento para 2018 de 9.487 millóns, o máis alto desde 2010, que permitirá reforzar a creación de emprego, o gasto social, a innovación e o crecemento en estabilidade

A Xunta aproba un orzamento para 2018 de 9.487 millóns, o máis alto desde 2010, que permitirá reforzar a creación de emprego, o gasto social, a innovación e o crecemento en estabilidade

  • As contas para o vindeiro ano medran un 2,9% e esgotan o teito de gasto
  • O Goberno galego contará con 331 millóns máis respecto ao Orzamento vixente
  • Os investimentos aumentan un 6,6%, o maior esforzo investidor desde a crise
  • O gasto social increméntase en 202 millóns e redóbrase a aposta pola innovación
  • Engádense novas rebaixas de impostos con incentivos para aqueles que xeren actividade económica e contribúan a dinamizar o medio rural e os cascos históricos
  • As contas inclúen unha reserva de crédito de ata o 2% para asumir o incremento retributivo que poida fixar o Estado para os empregados públicos
  • O Goberno galego prevé que a economía galega medre un 2,5% no 2018, e que a taxa de paro siga baixando ata o 14,2% coa creación de 17.500 novos empregos

O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade autónoma para o 2018, que establece un gasto de 9.487 millóns de euros, o que supón esgotar o teito de gasto aprobado polo Parlamento galego. A Xunta incrementa así o seu gasto en 266 millóns respecto ao ano anterior, aos que se suman 65 millóns máis de capacidade pola baixada dos xuros da débeda, o que supón que Galicia contará con 331 millóns máis para reforzar o gasto social, a innovación e a creación de emprego.

Os orzamentos do vindeiro ano conforman os terceiros presupostos expansivos consecutivos, posto que Galicia contará cun aumento de gasto do 2,9% en comparación cos orzamentos vixentes. É o orzamento máis alto dende o ano 2010, de xeito que Galicia disporá de 1.100 millóns de euros máis en relación ás contas de 2015.

Ademais, os presupostos inclúen unha reserva de crédito de ata o 2% para asumir o incremento retributivo que poida fixar a Administración do Estado para o conxunto dos empregados públicos cando aprobe o seu orzamento, que neste momento aínda non foi presentado debido ao bloqueo institucional.

Outro punto a resaltar nas contas de 2018 é o forte incremento dos investimentos, cun aumento medio do 6,6% que supón o maior esforzo investidor realizado pola Administración galega desde antes da crise económica. Pola contra, o único capítulo de gasto que baixa no Orzamentos é o de xuros de débeda, grazas á cal o vindeiro ano a Xunta aforrará 65 millóns de euros, uns recursos que se poderán dedicar a todos os galegos. De feito, o gasto en débeda tense reducido á metade nos últimos anos.

Gasto social e emprego continúan como prioridades de gasto
Unha das prioridades da Xunta de Galicia no 2018 seguirá sendo o gasto social, que se incrementa en 202 millóns de euros. Nas contas mantense o impulso ás políticas sociais co obxectivo de acadar un crecemento integrador, destinando 369 millóns á dependencia para chegar a atender a 60.000 persoas e estendendo a Tarxeta Benvida ata os tres anos para as familias con rendas baixas.
Tamén entre as prioridades da Xunta seguirá estando a creación de emprego e a mellora do mercado laboral galego. O obxectivo é crear no 2018 uns 17.500 novos postos de traballo polo que o Goberno galego reservará 246 millóns de euros para a promoción do emprego, cun aumento do 9,6% máis para escolas obradoiro. Tamén se destinarán máis recursos para o fomento da empregabilidade, atención ás persoas desempregadas de longa duración, ás actuacións de apoio aos autónomos ou o fomento do emprego no rural.

Sanidade e educación
No eido sanitario, a Xunta disporá de 129 millóns máis que permitirán reforzar unha sanidade pública e de calidade. Destacan as novas infraestruturas en Ferrol, Pontevedra e Lugo; os recursos para ampliar o CHUS, a nova facultade de Medicina, para o Plan Director de Ourense e para a EOXI de A Coruña. Ademais, hai unha aposta clara por unha mellor atención sanitaria con máis de 300 novas prazas de profesionais sanitarios.

En canto ao ámbito educativo, os orzamentos do vindeiro ano disporán de recursos para camiñar cara un ensino óptimo coa mellora dos centros educativos; a modernización do ensino, mantendo a aposta polo plurilingüismo; e reforzando o compromiso co ensino superior posto que 2018 dedicaranse ás universidades 421 millóns de euros, o que representa un incremento de 46 millóns nos últimos tres anos.

A innovación como prioridade
No eido da innovación, a Xunta vai redobrar en 2018 a súa aposta pola competitividade. Así, incrementaranse máis dun 20% os recursos para a innovación e aumentarán o apoio empresarial, reforzando o IGAPE cun 18% máis de recursos; e con novos programas de instrumentos financeiros innovadores. Ademais, reforzaranse as partidas para un sector clave como é o turismo, con recursos para comezar a preparar o Ano Santo 2021.

Apoio ao medio rural
O vindeiro ano, o Goberno galego mantén o compromiso contraído no inicio desta lexislatura co medio rural. Neste sentido, dedicaranse 27 millóns en investimento para explotacións agrarias; e case 24 millóns para a comercialización de produtos agrarios, un 13,3% máis. No eido marítimo, a Xunta aposta por un forte impulso á transformación dos produtos da pesca e da acuicultura e tamén aos investimentos en infraestruturas portuarias.

O proxecto de Orzamentos tamén inclúe un pulo aos espazos de atención aos cidadáns, espazos públicos que cumpren unha importante función e que terán compromisos concretos nas contas de 2018, como o Espazo Público AMIZAR, o edificio administrativo Benito Corbal, o Novo Barrio da Residencia en Lugo, o campus do Mar na ETEA, o edificio Concepción Arenal en Ourense ou os edificios xudiciais de Vigo ou Pontevedra.

Continúa a política de baixada de impostos
Ademais do proxecto de Lei de Orzamentos para 2018, o Goberno galego tamén aprobou o proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, no que se inclúen novas baixadas de impostos e se manteñen todas as que xa están en vigor como a do IRPF –que beneficia ao 98,5% dos contribuíntes-, no Imposto sobre Sucesións -que supón que o 99% dos galegos non pagan este imposto cando reciben unha herdanza dun familiar directo- e no programa de impostos cero no rural.

A isto engádense as novas rebaixas de impostos con incentivos para aqueles que xeren actividade económica e contribúan a dinamizar o medio rural e os cascos históricos. Así, apróbanse deducións fiscais para as persoas que invistan en terras e bens rústicos desaproveitados; apróbanse tamén deducións para as persoas que invistan nunha Sociedade de Xestión Forestal; póñense en marcha novas deducións para as persoas que invistan na rehabilitación de inmobles dos cascos históricos ou en actividade económicas neles, e elimínase o Imposto de Actos Xurídicos Documentados para os que merquen solo industrial das administracións.

Empregados públicos
Os Orzamentos para 2018 volverán reflectir o compromiso deste Goberno na mellora das condicións de traballo dos empregados públicos. Por isto, a Administración galega vai ofertar 14.750 prazas ata 2020, a través dun plan de estabilidade pactado onte con tres dos catro sindicatos da mesa xeral de Función Pública, que queda aberto aos sindicatos de Educación, Sanidade e Xustiza.

Esta ampla oferta de prazas permitirá situar a taxa de temporalidade do emprego público no entorno do 7%, é dicir, en termos de práctica estabilidade. Ademais, inclúense melloras da conciliación da vida familiar cun aumento dos permisos de maternidade e paternidade -22 semanas retribuídas por maternidade-, a maior duración de España.

O Goberno autonómico incrementará de novo en 2018 o esforzo no financiamento da Administración local ata acadar os 137,1 millóns de euros a través do Fondo de Cooperación Local, cun incremento do 3,5%, por riba da media dos Orzamentos. Como novidade, destinaranse recursos para compensar os gastos de mantemento de centros de saúde de titularidade municipal e para a comarcalización dos parques de bombeiros.

Previsións macroeconómicas
O proxecto de Lei de Orzamentos para 2018 permitirá consolidar e reforzar a recuperación económica dos últimos anos. Para o vindeiro ano a previsión é seguir crecendo conforme ao Plan Estratéxico ata 2020 cun crecemento estimado do 2,5% -por riba do estimado para España e Europa- e que a taxa de paro siga baixando ata o 14,2%. Trátase dunha previsión prudente polos posibles efectos que poida ter a situación política e económica de Cataluña.

Logo da súa aprobación hoxe no Consello da Xunta, o proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade autónoma para o 2018 será remitido á Cámara galega para a súa tramitación parlamentaria, ao igual que o proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas.