Volver ao contido

Actualidade Orzamentaria

A Xunta aumentará o gasto por habitante un 9,8% en Ourense e un 6,7% en Lugo, máis que nas provincias atlánticas

A Xunta aumentará o gasto por habitante un 9,8% en Ourense e un 6,7% en Lugo, máis que nas provincias atlánticas

  • O Goberno galego volve apostar polo reequilibrio territorial nos Orzamentos para 2018, que hoxe foron entregados no Parlamento para a súa tramitación
  • As consellerías que máis medran son Sanidade (129,4 millóns máis), Cultura e Educación (47,4), Infraestruturas (41,9) e Política Social (28,9 millóns máis)
  • Os beneficios fiscais ascenden a 396 millóns, o 93% deles de carácter social
  • O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, destacou que as contas para 2018 permitirán contar con 331 millóns máis respecto ao Orzamento en vigor
  • Os investimentos aumentan un 6,6% e o gasto social increméntase en 202 millóns
  • Mantéñense as rebaixas fiscais dos últimos anos e engádense baixadas por xerar actividade económica e contribuír a dinamizar o medio rural e os cascos históricos
  • O Goberno galego estima que o PIB galego medrará un 2,5% no 2018, máis que España, e a taxa de paro baixará ao 14,2%, coa creación de 17.500 novos empregos

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2017.- A Xunta de Galicia elevará en 2018 o gasto por habitante un 9,8% na provincia de Ourense e un 6,7% na de Lugo, máis que nas provincias atlánticas xa que o aumento na provincia de Pontevedra será do 6,1% e na de A Coruña do 4,5%, segundo avanzou hoxe no Parlamento o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, na presentación dos Orzamentos da Xunta para 2018.

Na entrega das contas esta mañá no Parlamento, Valeriano Martínez detallou que o gasto por habitante máis alto será na provincia de Lugo, con 3.760 euros per capita, seguida da provincia de Ourense (3.648 euros). A aposta polo reequilibrio territorial que fai o Goberno galego explica que o gasto por habitante sexa menor nas provincias de Pontevedra (2.894) e A Coruña (2.568). Non obstante, en termos absolutos o maior gasto concéntrase en A Coruña (2.883,2 millóns) e Pontevedra (2.733,7), fronte aos 1.265,4 na provincia de Lugo e os 1.148,5 na de Ourense. Hai que ter en conta que o gasto territorializado representa o 87% do gasto non financeiro, que en 2018 ascenderá a 9.487 millóns.

Os Orzamentos para 2018 esgotan na súa totalidade o teito de gasto aprobado polo Parlamento. A Xunta eleva así o seu gasto en 266 millóns sobre este ano, aos que se suman 65 millóns máis de capacidade pola baixada dos xuros da débeda, polo que Galicia contará con 331 millóns máis para reforzar o gasto social, a innovación e a creación de emprego.

Por consellerías, o maior volume de gasto concéntrase na Consellería de Sanidade (3.861 millóns) e na de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (2.391), seguidas da de Política Social (701 millóns). Estas tres consellerías representan case o 75% do total de gasto non financeiro da Comunidade Autónoma.

A continuación, figuran as consellerías de Medio Rural (495 millóns); Economía, Emprego e Industria (464); Infraestruturas e Vivenda (408); Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (281); a Presidencia da Xunta, na que se engloban tamén as áreas de Turismo, Modernización Tecnolóxica ou Emigración (191); a Consellería do Mar (155); Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (117) e a Consellería de Facenda, que con 56 millóns é a que conta coa menor dotación orzamentaria.

No exercicio 2018, as consellerías que máis incrementarán a súa dotación en termos absolutos son as de Sanidade (129,4 millóns máis) e Cultura e Educación (47,4), seguidas de Infraestruturas (41,9) e Política Social (28,9).

Máis beneficios fiscais
O conselleiro de Facenda resaltou tamén o importante volume de beneficios fiscais no orzamento, un apartado que inclúe todos aqueles ingresos que a Xunta de Galicia prefire non percibir para que revertan principalmente ás familias e aos fogares.

En 2018 a Xunta ampliará de novo o volume de beneficios fiscais, ata os 396 millóns de euros, o que supón 5 millóns de incremento respecto ao actual exercicio. "E esta cifra, moi importante no cuantitativo, estamos a falar de case 400 millóns de euros, ten un compoñente cualitativo moi relevante, pois o 93% destes beneficios fiscais son de carácter social", sinalou Valeriano Martínez na súa intervención.

Orzamento expansivo
Os orzamentos do vindeiro ano conforman os terceiros presupostos expansivos consecutivos, posto que Galicia contará cun aumento de gasto do 2,9% en comparación cos orzamentos en vigor. É o orzamento máis alto dende o ano 2010, de xeito que Galicia disporá de 1.100 millóns de euros máis en relación ás contas de 2015.

No eido dos empregados públicos, os presupostos inclúen unha reserva de crédito de ata o 2% para asumir o incremento retributivo que poida fixar a Administración do Estado para o conxunto dos empregados públicos cando aprobe o seu orzamento.

Máis investimentos e emprego
Nas contas de 2018 destaca tamén o forte incremento dos investimentos, cun aumento medio do 6,6%, que supón o maior esforzo investidor realizado pola Administración galega desde antes da crise económica. Pola contra, o único capítulo de gasto que baixa no Orzamentos é o de xuros de débeda, grazas á cal o vindeiro ano a Xunta aforrará 65 millóns.

Outra das prioridades seguirá sendo o gasto social, que se incrementa en 202 millóns de euros. Nas contas mantense o impulso ás políticas sociais co obxectivo de acadar un crecemento integrador, destinando 369 millóns á dependencia para chegar a atender a 60.000 persoas e estendendo a Tarxeta Benvida ata os tres anos.

Tamén entre as prioridades da Xunta seguirá estando a creación de emprego e a mellora do mercado laboral galego. O obxectivo é crear no 2018 uns 17.500 novos postos de traballo, polo que o Goberno galego reservará 246 millóns de euros para a promoción do emprego.

No eido sanitario, a Xunta disporá de 129 millóns máis que permitirán reforzar unha sanidade pública e de calidade, cunha aposta clara por unha mellor atención sanitaria con máis de 300 novas prazas de profesionais sanitarios. En canto ao ámbito educativo, os orzamentos do vindeiro ano disporán de recursos para camiñar cara un ensino óptimo coa mellora dos centros educativos; a modernización do ensino, mantendo a aposta polo plurilingüismo; e reforzando o compromiso coas universidades, 421 millóns de euros.

A innovación como prioridade
No eido da innovación, a Xunta vai redobrar en 2018 a súa aposta pola competitividade. Así, incrementaranse máis dun 20% os recursos para a innovación e o IGAPE terá un 18% máis de recursos. E no medio rural, dedicaranse 27 millóns en investimento para explotacións agrarias; e case 24 millóns para a comercialización de produtos agrarios. No eido marítimo, a Xunta aposta por un forte impulso á transformación dos produtos da pesca e da acuicultura e tamén polos investimentos en infraestruturas portuarias.

O proxecto de Orzamentos tamén inclúe un pulo aos espazos de atención aos cidadáns, espazos públicos que cumpren unha importante función e que terán compromisos concretos nas contas de 2018, como o Espazo Público AMIZAR, o edificio administrativo Benito Corbal, o Novo Barrio da Residencia en Lugo, o campus do Mar na ETEA, o edificio Concepción Arenal en Ourense ou os edificios xudiciais de Vigo ou Pontevedra.

Menos impostos
As contas para 2018 tamén inclúen novas baixadas de impostos e mantéñense todas as que xa están en vigor como a do IRPF –que beneficia ao 98,5% dos contribuíntes-, no Imposto sobre Sucesións -que supón que o 99% dos galegos non pagan este imposto - e no programa de impostos cero no rural.

A isto engádense as novas rebaixas de impostos con incentivos para aqueles que xeren actividade económica e contribúan a dinamizar o medio rural e os cascos históricos. Así, apróbanse deducións fiscais por investir en terras e bens rústicos desaproveitados; e deducións para as persoas que invistan nunha Sociedade de Xestión Forestal; póñense en marcha novas deducións para as persoas que invistan na rehabilitación de inmobles dos cascos históricos ou en actividades económicas neles, e elimínase o Imposto de Actos Xurídicos Documentados para os que merquen solo industrial das administracións.

Os Orzamentos para 2018 volverán reflectir o compromiso deste Goberno na mellora das condicións de traballo dos empregados públicos. A Xunta vai ofertar 14.750 prazas ata 2020, a través dun plan de estabilidade pactado onte con tres dos catro sindicatos da mesa xeral de Función Pública, que queda aberto aos sindicatos de Educación, Sanidade e Xustiza.

Previsións macroeconómicas
O proxecto de Lei de Orzamentos para 2018 inclúe unha previsión de crecemento do 2,5%, por riba do estimado para España e Europa, e que a taxa de paro siga baixando ata o 14,2%. Trátase dunha previsión prudente polos posibles efectos da situación de Cataluña.

En todo caso, estas previsións van na liña do obxectivo marcado no Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020, que establece un crecemento medio do 2,5% neste período.