Volver ao contido

Actualidade Orzamentaria

O Consello da Xunta aproba o requirimento que se presentará ante o Consello de Ministros para reclamar os 200 millóns do IVE

O Consello da Xunta aproba o requirimento que se presentará ante o Consello de Ministros para reclamar os 200 millóns do IVE

  • O requirimento supón o primeiro paso para iniciar a vía xudicial e é un trámite con carácter previo á interposición dun recurso contencioso-administrativo, no caso de que non haxa resposta ou esta sexa negativa
  • Solicítase ao Estado que adopte todas as medidas necesarias para compensar e transferir a Galicia esa débeda
  • A negativa a aboar a Galicia a contía correspondente a un mes de liquidación do IVE de 2017 supón un enriquecemento inxusto para o Estado e resulta contrario aos principios de suficiencia, lealdade institucional e equilibro económico

O Consello da Xunta aprobou hoxe o requirimento que se presentará ante o Consello de Ministros para que se adopten as medidas necesarias para compensar a Galicia polo impago dunha mensualidade do IVE correspondente a 2017, unha débeda que ascende a 204,7 millóns de euros.

O requirimento supón o primeiro paso para iniciar a vía xudicial. O Estado terá un prazo dun mes para responder a este requirimento, desde que sexa presentado de forma efectiva. No caso de dar unha resposta negativa ou non responder, a Xunta procederá á interposición dun recurso contencioso-administrativo.

Segundo se refire no requirimento, o Estado si ingresou, recadou e contabilizou o diñeiro correspondente á recadación do IVE do mes de novembro de 2017 que, pola contra, non transferiu ás comunidades autónomas. O resultado desta situación derivou nun enriquecemento inxusto por parte da Administración do Estado que, de xeito correlativo, supuxo un empobrecemento das comunidades autónomas, ás que se lles provocaron dous prexuízos: unha afectación negativa sobre o déficit e un aumento do endebedamento.

Esta situación é tamén contraria aos principios de suficiencia, lealdade institucional e equilibrio económico que se consagran no artigo 2 da Lei Orgánica de Financiamento das Comunidade Autónomas.

Tal e como se recolle no requirimento, a Xunta solicitou previamente en diversas ocasións e a través de distintas vías o aboamento desta contía: a través do Consello de Política Fiscal e Financeira -ata en 3 plenos, e que non foi convocado en todo o exercicio 2019, incumprindo o seu propio regulamento-; nunha reunión entre o Presidente da Xunta e a Ministra de Facenda; e a través de distintas cartas pedindo unha solución. Ademais, o Parlamento galego pronunciouse en varias ocasións reclamando a transferencia dos recursos pendentes.

Debido á negativa do Goberno central a solucionar esta situación, a Xunta inicia agora este procedemento para reclamar o diñeiro que lle corresponde.

Cómpre recordar que a Xunta tamén ten solicitado a contía correspondente a aplicación dos incentivos polo cumprimento das regras fiscais, que suporían outros 170 millóns de euros para Galicia.