Volver ao contido

Actualidade Orzamentaria

O Consello da Xunta aproba un anticipo de tesourería de 26 millóns para axilizar as obras con cargo ao superávit de 2018

O Consello da Xunta aproba un anticipo de tesourería de 26 millóns para axilizar as obras con cargo ao superávit de 2018

  • Este mecanismo está previsto na Lei de réxime financeiro e o obxectivo é adiantar os prazos de licitación
  • Goberno galego destinará 21,4 millóns para a mellora dos centros educativos, con obras de reforma en 22 colexios e institutos que se farán en verán
  • 1,3 millóns serán para reforzar o plan de fomento da educación dixital, para poder executalo no curso escolar 2019-20
  • Outros 3 millóns adiántanse para mellorar a reacción contra os incendios forestais

O Consello da Xunta aprobou hoxe un anticipo de tesourería de 26 millóns de euros para axilizar a licitación de obras con cargo ao superávit do exercicio 2018, e que están incluídas no proxecto de Lei de reforzo de actuacións prioritarias que se está a tramitar no Parlamento galego. A través deste mecanismo, previsto na Lei de réxime financeiro de Galicia, poderanse adiantar os prazos de licitación destas obras.

En primeiro lugar, o Goberno galego aprobou un anticipo de 21,4 millóns de euros á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para obras de mellora de instalacións educativas. En concreto, a Administración galega realizará actuacións de eficiencia enerxética e modernización en 22 colexios e institutos públicos.

Estas actuacións deben realizarse de xeito que inflúan o menos posible na actividade diaria da comunidade educativa, polo que deben realizarse maioritariamente nos períodos non lectivos. É por iso que, dada a proximidade temporal das vacacións escolares, é preciso realizar as correspondentes licitacións o máis pronto posible para comezar as obras no mes de xullo e executalas entre os meses de xullo e agosto.

Estas obras permitirán a mellora de 16 centros de Educación Infantil e Primaria: o CEIP Fogar (Carballo), CEIP Vicente Otero Valcarcel (Carral), CEIP Raíña Fabiola (Santiago de Compostela), CEIP Cruceiro de Canido (Ferrol), CEIP de Casás (Lugo), CEIP de Cervo (Cervo), CEIP Santa María (A Fonsagrada), CEIP de Foz nº 1 (Foz), CEIP Princesa de España (Verín), CEIP Condesa de Fenosa (O Barco de Valdeorras), CEIP Calvo Sotelo ( O Carballiño), CEIP de Prácticas (Ourense), CPI Covaterreña (Baiona), CEIP do Hío (Cangas), CPI de Pontecesures (Pontecesures) e o CEIP García Barbón (Vigo).

Tamén se realizarán actuacións de rehabilitación noutros seis institutos de educación secundaria: IES de Arzúa, o IES de Monelos (A Coruña), o IES Muralla Romana (Lugo), o IES O Couto (Ourense), o IES Ramón Cabanillas (Cambados) e o IES Illa de Tambo, no concello pontevedrés de Marín.

Outros 1,3 millóns de euros destinaranse para anticipar crédito para a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Este anticipo, xunto co cofinanciamento de 5,2 millóns de euros de fondos FEDER, implicará un investimento global de 6,3 millóns de euros para reforzar o Plan de fomento da educación dixital. A través deste anticipo de tesourería, con cargo tamén ao superávit de 2018, adiantaranse as contratacións coa finalidade de que o novo equipamento TIC estea operativo para o comezo do curso escolar 2019-20, o vindeiro mes de setembro.

Ademais, o Consello da Xunta aprobou un anticipo de tesourería de 3 millóns de euros para a Consellería do Medio Rural, para actuacións de defensa do monte co obxecto de mellorar a operatividade do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais. Dado que o período de alto risco comeza en xullo, cómpre empezar estas accións no prazo máis breve posible.

Utilización do superávit
Galicia utilizará o superávit de 2018 para reducir a débeda da Comunidade Autónoma, co que se liberan créditos orzamentarios para financiar novos investimentos en Sanidade, Educación, medio rural e nos Servizos Sociais públicos. Dos 130 millóns de euros de nova capacidade de gasto, 96 estarán recollidos expresamente na Lei de reforzo de actuacións prioritarias, que se investirán entre este ano e o que vén.

Con esta lei investiranse, polo tanto, 96 millóns de euros: 48 millóns este ano e outros 48 millóns en 2020. E, a maiores, quedará dispoñible unha capacidade adicional de investimentos doutros 34 millóns, que non teñen que formar parte desta lei e cos que se financiarán outras actuacións a través da Sociedade Pública de Investimentos.