Volver ao contido

Actualidade Orzamentaria

A cifra de fogares galegos con moita dificultade para chegar a fin de mes baixa ao mínimo da serie histórica, segundo o IGE

A cifra de fogares galegos con moita dificultade para chegar a fin de mes baixa ao mínimo da serie histórica, segundo o IGE

  • A última Enquisa conxuntural a fogares reflicte tamén un descenso dos fogares con facilidade
  • Ademais, o índice de confianza do consumidor redúcese e volve aos niveis de finais de 2018

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2019.- O número de fogares galegos que chegan con moita dificultade a fin de mes baixou no terceiro trimestre do ano ata o 5,2%, o que supón a menor cifra de toda a serie histórica e un descenso de tres puntos respecto ao mesmo trimestre do ano anterior (8,6%), segundo recolle a última Enquisa conxuntural a fogares do Instituto Galego de Estatística (IGE).

Ao mesmo tempo, os fogares galegos que chegan con facilidade ou moita facilidade diminuíron no terceiro trimestre ata situarse no 57,6%, mentres que subiron os fogares que teñen algunha dificultade para chegar a fin de mes, ata o 37,2% do total.

A enquisa trimestral do IGE tamén mostra un descenso do indicador de confianza do consumidor (ICC), que se situou en -11,44 puntos. Este indicador era de -7,93 puntos, e agora volve aos niveis de finais de 2018, cando se situou en -11,53 puntos.

Respecto ás compoñentes do ICC, os datos do IGE reflicten un descenso do indicador da situación financeira persoal (-3,59), da situación económica de Galicia (-8,97) e do desemprego (-11,28), e un aumento do indicador de capacidade futura de aforro, que se sitúa en -21,93 puntos.