Volver ao contido

Actualidade Orzamentaria

A conta xeral ratifica que en 2018 Galicia cumpriu todas as regras fiscais, pechou cun superávit de 136 millóns e aforrou 70 millóns en xuros da débeda

A conta xeral ratifica que en 2018 Galicia cumpriu todas as regras fiscais, pechou cun superávit de 136 millóns e aforrou 70 millóns en xuros da débeda

  • A Comunidade galega rematou o exercicio cun superávit do 0,22% do PIB, o primeiro que se acada desde o ano 2002
  • En 2018, a Xunta acadou unha execución do orzamento de gasto do 97%, que superou o 100% no gasto corrente
  • Galicia logrou reducir en 2018 a súa ratio de débeda por segundo ano consecutivo
  • As baixadas de impostos tiveron un impacto de 99 millóns, que quedaron nos petos das familias e fogares galegos
  • O aforro bruto medrou un 44%, ata acadar os 775 millóns de euros
  • Tamén foi a segunda comunidade que dedicou máis recursos propios a investimentos
  • Galicia mantén a aposta polo modelo de crecemento san, baseado en aforrar en débeda para reforzar o gasto social e impulsar os investimentos

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2019.- O Consello da Xunta aprobou hoxe a conta xeral da Comunidade Autónoma do exercicio 2018, na cal se ratifica que Galicia cumpriu todas as regras fiscais, ao mesmo tempo que pechou o exercicio cun superávit de 136 millóns de euros e logrou aforrar 70 millóns en xuros da débeda respecto ao ano anterior, recursos que foron dedicados a reforzar os capítulos de gasto social e de investimentos.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, presentou hoxe no Consello da Xunta a conta xeral de 2018, na cal se indica que Galicia pechou o exercicio 2018 cun superávit contable de 136 millóns de euros en termos de contabilidade nacional. O resultado de Galicia en termos de contabilidade nacional non só quedou por debaixo do límite autorizado polo Consello de Política Fiscal e Financeira (0,4%) para todas as administracións autonómicas senón que se acadou un superávit contable por primeira vez desde 2002.

Galicia é unha das comunidades autónomas que conseguiu cumprir en 2018 os tres obxectivos de estabilidade orzamentaria (déficit, débeda e regra de gasto) e mantense como a comunidade que menos aumentou o seu volume de débeda dende o ano 2009, ao mesmo tempo que lidera o tempo de pagamento a provedores. Froito desta política, en 2018 reduciuse o gasto en xuros da débeda en 70 millóns de euros, o que supón un aforro acumulado de 210 millóns nos últimos catro anos.

Alta execución orzamentaria
A conta xeral mostra que en 2018 a Xunta foi capaz de acadar unha execución do orzamento consolidado de gasto do 97%, un indicador aínda maior -do 102%- no gasto corrente, que engloba todo o gasto social da Administración galega, especialmente o gasto sanitario, educativo e no eido dos servizos sociais.

Na conta xeral tamén se ratifica que as baixadas de impostos aprobadas polo Goberno galego desde xaneiro de 2016 -con especial incidencia no imposto sobre sucesións e doazóns e no programa de impostos cero no rural- tiveron un impacto de 99 millóns de euros, cartos que quedaron nos petos das familias e fogares galegos.

Máis aforro bruto e líderes en investimentos
A Conta Xeral de 2018 mostra igualmente que Galicia acadou un aforro bruto de 775 millóns de euros, o que supón un incremento do 44% respecto ao ano anterior. Este aumento do aforro bruto permite incrementar o grao de investimentos da Comunidade Autónoma sen recorrer ao endebedamento e, no caso de Galicia, este indicador mantén unha senda de evolución positiva nos últimos exercicios.

Ao mesmo tempo, Galicia mantívose en 2018 entre as comunidades autónomas líderes en investimentos. Segundo os datos oficiais do Ministerio de Facenda, Galicia foi o pasado ano a segunda comunidade con maior esforzo investidor –un 12,3% do gasto non financeiro-, fronte ao 7% de media autonómica e só superada por Baleares. Isto supón mellorar a posición do ano anterior, no cal Galicia fora a terceira comunidade.

Líderes en pagamento a provedores
A Xunta continuou en 2018 coa súa aposta por un modelo de crecemento san, baseado no cumprimento dos obxectivos de déficit e de débeda para seguir reducindo os gastos en xuros, o que permite ter maior marxe de gasto nos investimentos, reforzar o gasto social e pagar con máis axilidade aos provedores da Administración.

Ademais, froito da solvencia da Comunidade Autónoma, a Xunta seguiu sendo a Administración autonómica que está a pagar con máis axilidade aos seus provedores. Segundo os datos oficiais do Ministerio de Facenda, ao peche do primeiro semestre o período medio de pagamento de Galicia foi de 13,8 días, o máis baixo de España, fronte aos 36,2 días da media autonómica

A Xunta de Galicia remitirá agora a conta xeral ao Parlamento e ao Consello de Contas cumprindo a normativa en vigor, modificada en 2015 para facela máis exixente e que establece como prazo máximo de remisión o 30 de setembro.