Volver ao contido

Actualidade Orzamentaria

A nova rebaixa fiscal para a compra de vivenda no rural vai beneficiar a 3.459 parroquias pouco poboadas, o 94% do territorio

A nova rebaixa fiscal para a compra de vivenda no rural vai beneficiar a 3.459 parroquias pouco poboadas, o 94% do territorio

  • O 62% das parroquias beneficiadas atópanse nas provincias de Lugo e Ourense
  • Esta rebaixa fiscal aplicarase en todas as parroquias galegas cualificadas como Zonas Pouco Poboadas, co obxectivo de dinamizar as zonas menos habitadas
  • Con esta bonificación fiscal, o rural galego terá a menor tributación para a compra de vivenda de España
  • Esta rebaixa complementará o programa de impostos cero no rural aprobado pola Xunta de Galicia en 2016

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2019.- A nova rebaixa fiscal da Xunta de Galicia para a compra de vivenda no rural, incluída no proxecto de Lei de Orzamentos para 2020 que aprobou onte o Consello da Xunta e que mañá entregará no Parlamento para iniciar a súa tramitación, beneficiará a un total de 3.459 parroquias galegas pouco poboadas das catro provincias.

A maior parte das parroquias nas que se aplicará esta nova baixada de impostos están nas provincias orientais. En concreto, o 36% das parroquias beneficiadas pertencen á provincia de Lugo (1.251); o 26% á de Ourense (895); o 23% á provincia de A Coruña (811) e o 15% restante á provincia de Pontevedra (502).

Esta rebaixa fiscal aplicarase en todas as parroquias galegas cualificadas como Zonas Pouco Poboadas (ZPP), é dicir, aquelas nas que é máis necesario recuperar poboación co obxectivo de dinamizar as zonas menos habitadas. A listaxe das parroquias que teñen a cualificación de ZPP toma como referencia as estatísticas do Instituto Galego de Estatística (IGE) que clasifican as parroquias galegas segundo o seu grao de urbanización, seguindo os criterios que empregan organismos internacionais como Eurostat.

Unha vez que entre en vigor esta rebaixa, o Imposto sobre Transmisións Patrimoniais (ITP) reducirase do 7% ao 5% no caso de compra de vivenda habitual –con límite de patrimonio- en algunha destas 3.500 parroquias, e baixará do 10 ao 6% para o resto de compras de vivenda tamén nestas parroquias, co obxectivo de fixar poboación no rural e dinamizar estas zonas. Deste xeito, o rural galego pasará a ter a menor tributación para a compra de vivenda de toda España.

Ademais, hai que ter en conta que desde o ano 2017 hai tres colectivos –mozos menores de 36 anos, familias numerosas e persoas con discapacidade– que xa non pagan este imposto cando adquiren unha vivenda no rural galego. En todo caso, esta rebaixa fiscal complementa tamén o programa de impostos cero no rural posto en marcha pola Xunta en 2016.