Volver ao contido

Actualidade Orzamentaria

A Xunta pide ao Goberno central un mecanismo de financiamento que permite ás CC.AA. ingresar antes de fin de ano o IVE de 2017

A Xunta pide ao Goberno central un mecanismo de financiamento que permite ás CC.AA. ingresar antes de fin de ano o IVE de 2017

  • O Goberno galego solicitará ao Grupo Parlamentario Popular que presente unha proposición non de lei para que o Estado transfira os 200 millóns do IVE pendente
  • A día de hoxe o Goberno central retén o IVE das AA.PP. e négase a aboar a Galicia os incentivos polo bo desempeño fiscal
  • Por iso, tamén demanda que se aborde nun CPFF urxente unha solución específica para pagar os 170 millóns de incentivos a Galicia

O Goberno galego reclama ao Goberno central que habilite o financiamento preciso para compensar, antes de que remate este ano, as cantidades de IVE que as CC.AA. deputacións e entidades locais non están percibindo debido ao cambio normativo do ano 2017.

Esta proposta plantéxase perante a constatación de que o Goberno central semella ter decidido non adoptar a vía do Decreto-Lei para aboar esta débeda ás CC.AA. Outra alternativa sería que o Executivo central se endebedase de maneira transitoria pola cantidade de IVE e que transferise esa cantidade ás AA.PP. antes de que remate o ano.

Estas alternativas recóllense nun informe presentado ao Consello polo titular de Facenda, Valeriano Martínez, no que se sinala que, coa esta solución por parte do Estado, Galicia podería recibir antes de finais de ano os 200 millóns de euros que se lle adebedan polo IVE do mes de decembro de 2017.

A formulación do Goberno galego é solicitar ao Grupo Parlamentario Popular que presente de maneira urxente no Parlamento unha proposición non de lei que inste ao Goberno central a adoptar esta medida para garantir o pago do IVE no presente ano 2019.

Hai que lembrar que dos 700 millóns de euros que adebedaba o Estado a Galicia, tan só se compromete a ingresar os 334 pola actualización das entregas a conta. Desta forma, a día de hoxe o Goberno central retén os 200 millóns pola mensualidade referida do IVE e négase a aboar a Galicia os 170 millóns polo bo desempeño fiscal da comunidade autónoma no exercicios 2017 e 2018).

En canto ao incentivo, do que o Goberno central tan só di que é unha medida potestativa, a Xunta de Galicia entende que ten que ratificar este pago, pois esta transferencia non pode depender da cor política do Goberno de quenda.

Neste senso, o Executivo galego pide que no Consejo de Política Fiscal y Financiera, que urxe convocar –tras 16 meses sen facelo- se inclúa na súa orde do día un punto específico para abordar a aprobación a Galicia dos incentivos polo seu bo desempeño fiscal nos anos 2017 e 2018.

No informe, o Goberno galego demanda a mesma lealdade institucional do Goberno central que a que está exercendo o Executivo autonómico, pois lembra que mentres o Estado retén recursos dos galego, a Xunta está pagando desde o ano 2010 as liquidacións negativas, ano a ano, e por importe de 2.200 millóns de euros, que deixou a deber o anterior Goberno bipartito.