Volver ao contido

Actualidade Orzamentaria

A Xunta publicará 192 estatísticas en 2021, con novas análises sobre poboación, sociedade, economía ou mundo laboral

A Xunta publicará 192 estatísticas en 2021, con novas análises sobre poboación, sociedade, economía ou mundo laboral

  • O programa do ano que vén inclúe 151 estatísticas propias e 41 actuacións para avanzar na difusión e análise de toda a información dispoñible sobre Galicia
  • Seguirán a executarse as grandes enquisas como a EPA ou a Enquisa Estrutural a Fogares

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2020.- O Consello da Xunta aprobou hoxe o Programa Estatístico da Comunidade Autónoma para 2021, a través do cal a Xunta realizará o vindeiro ano 192 estatísticas. Delas, 151 céntranse na poboación, sociedade, economía e mundo laboral que aumentan a oferta informativa para Galicia, proporcionada polos sistemas estatísticos estatal e europeo. As 41 actuacións restantes permitirán afondar na difusión de toda a información dispoñible sobre Galicia.

No ámbito social, algunhas propostas céntranse en afondar nos indicadores sobre a estrutura salarial, a infancia ou a adolescencia. Realizarase tamén unha enquisa para estimar o impacto da covid na economía e nas relacións laborais, sociais e familiares das galegas e galegos.

No plano económico procurarase nova información global sobre empresas multilocalizadas e actividades de I+D. A nivel sectorial destaca a análise polo miúdo dos sectores da automoción e do deporte, e as estatísticas programadas para difundir datos sobre infraestruturas e producións forestais. Tamén se abordarán os escenarios macroeconómicos ou a renda municipal.

A oferta territorial aumentará coa publicación de resultados por comarcas e grandes concellos sobre equipamentos das vivendas e infraestruturas dispoñibles na contorna dos fogares galegos. Tamén se elaborarán indicadores da axenda 2030 para o desenvolvemento sostible.

O IGE seguirá a realizar as grandes enquisas dos programas anteriores, nomeadamente, a Enquisa de Poboación Activa (EPA) e a Enquisa Estrutural a Fogares (EEF), que completarán a súa difusión con información sobre o benestar social e flexibilidade nas condicións de traballo.

Derradeiro programa do Plan estatístico 2017-2021
Este será o derradeiro programa do Plan Galego de Estatística 2017-2021, que supón un marco legal que consolidará e ampliará os logros dos anteriores. Ademais, coloca a Galicia entre o reducido número de Comunidades Autónomas dotadas dun sistema estatístico acorde cos principios internacionais de boas prácticas.

O plan asume expresamente o código de conduta adoptado polo Comité do Sistema Estatístico Europeo. Polo tanto, a organización estatística de Galicia queda sometida aos seus principios e o Goberno galego a impulsalos e respectalos. Algún destes principios son a imparcialidade, a obxectividade e a transparencia.