Volver ao contido

Actualidade Orzamentaria

O conselleiro de Facenda destaca que os Orzamentos para 2017 permitirán reforzar 'unha recuperación económica completa'

O conselleiro de Facenda destaca que os Orzamentos para 2017 permitirán reforzar "unha recuperación económica completa"

  • Valeriano Martínez sinala que a capacidade de gasto da Xunta medrará en preto de 300 millóns de euros grazas ao aumento dos ingresos e ao aforro dos xuros da débeda
  • As prioridades o vindeiro ano seguirán sendo crear máis emprego, fortalecer os servizos públicos e afondar no reequilibrio territorial de Galicia
  • O titular de Facenda subliñou que 2017 será o ano no que a Comunidade Autónoma recuperará os niveis de PIB previos á crise
  • Incidiu en que "a folla de ruta da Xunta está trazada no Plan Estratéxico", que prevé medrar no entorno do 2,5% anual e crear 100.000 empregos ata 2020
  • No eido de Facenda resaltou a posta en marcha do Tribunal Administrativo de Contratación Pública, o reforzo da Axencia Tributaria de Galicia e a unificación dos servizos informáticos da Xunta de Galicia
  • O conselleiro compareceu esta mañá na comisión 3ª do Parlamento

 

Santiago, 7 de decembro de 2016.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, destacou hoxe que os Orzamentos da Xunta para 2017 permitirán reforzar "unha recuperación económica completa" que chegue a todos os fogares de Galicia, e explicou que as contas do vindeiro exercicio contarán cunha capacidade de gasto que medra en case 300 millóns de euros grazas ao aumento dos ingresos e ao aforro dos xuros da débeda.

 

Na súa comparecencia na comisión 3ª do Parlamento, Valeriano Martínez detallou que o proxecto de Lei de Orzamentos para 2017 –entregado o pasado sábado na Cámara galega- establece un gasto de 9.063 millóns, o que supón esgotar o teito de gasto e elevar o gasto un 2,9%. A Xunta aumenta o seu gasto en 259 millóns sobre o ano anterior, aos que se suman preto de 40 millóns máis de capacidade pola baixada dos xuros da débeda.

 

Durante a súa intervención, o titular de Facenda sinalou que entre as prioridades do Goberno galego o vindeiro ano seguirá estando reducir a taxa de paro, e para iso establécese o obxectivo de crear en 2017 case 20.000 empregos. Os Orzamentos da Xunta tamén incidirán no fortalecemento dos servizos públicos, e para iso aumentarase a dotación para gasto social en 230 millóns de euros, especialmente en sanidade e educación.

 

Valeriano Martínez resaltou igualmente que a Xunta destinará ás provincias de Lugo e Ourense un maior gasto por habitante que en A Coruña e Pontevedra, co obxectivo de seguir avanzando no reequilibrio territorial entre as provincias orientais e as atlánticas. Así, o gasto por habitante nas de Lugo e Ourense será de 3.522 e 3.355 euros, respectivamente, mentres en A Coruña será de 2.457 euros, e de 2.728 euros en Pontevedra.

 

Crecemento do PIB

O titular de Facenda avanzou que Galicia recuperará en 2017 os niveis de Produto Interior Bruto (PIB) previos á crise, e recordou que a Xunta prevé para o vindeiro ano un crecemento do PIB galego do 2,4%, mentres que a taxa de paro seguirá baixando e en 2017 reducirase en dous puntos, ata situarse no 15,6%.

 

En todo caso, o conselleiro de Facenda destacou que "a folla de ruta da Xunta está marcada no Plan Estratéxico de Galicia", que establece entre os seus obxectivos prioritarios acadar un crecemento medio do 2,5% ata 2020, así como reducir a taxa de paro ao entorno do 10% ao final da década e crear 100.000 novos postos de traballo.

 

Rebaixas fiscais

Na súa intervención, recordou que o vindeiro ano a Xunta consolidará as baixadas de impostos xa en vigor dende xaneiro de 2016, e que afectan ao IRPF, ao Imposto sobre Sucesións -o 99% dos galegos xa non pagan este imposto cando reciben unha herdanza dun familiar directo- e o programa de impostos cero no rural. E en 2017 haberá unha nova rebaixa fiscal, xa que a Xunta bonificará a compra de vivenda para uso habitual a mozos, familias numerosas e persoas con discapacidade cando o inmoble estea nunha zona rural.

 

O conselleiro explicou tamén que os Orzamentos da Xunta para 2017 incluirán beneficios fiscais para familias, fogares e empresas por un importe de 391 millóns de euros –máis do 90% de carácter social-, o que supón un aumento do 7,4% respecto ao actual exercicio. Os beneficios fiscais son unha estimación do impacto sobre os tributos autonómicos das medidas de política económica e social da Xunta.

 

Consellería de Facenda

No ámbito concreto da Consellería de Facenda, Valeriano Martínez resaltou a posta en marcha do Tribunal Administrativo de Contratación Pública, que será o organismo encargado de resolver os recursos especiais en materia de contratación administrativa. Tamén destacou a integración do Centro de Información e Xestión Tributaria (CIXTEC) na Axencia de Modernización Tecnolóxica, o que permitirá unificar os servizos informáticos da Xunta.

 

Ademais, a Consellería de Facenda reforzará en 2017 os servizos da Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA), co fin de continuar facilitando o exercicio dos dereitos da cidadanía, ampliando prestacións e mellorando as relacións coa administración tributaria.