Volver ao contido

Actualidade Orzamentaria

O conselleiro de Facenda resalta que o teito de gasto para 2019 é o máis san e o que menos recorre á débeda de toda a década

O conselleiro de Facenda resalta que o teito de gasto para 2019 é o máis san e o que menos recorre á débeda de toda a década

  • Valeriano Martínez presentou hoxe na Cámara o teito de gasto para o próximo ano
  • A Xunta de Galicia disporá en 2019 de ata 363 millóns de euros máis e seguirá reducindo o déficit para fortalecer un crecemento san
  • É o oitavo ano no que o Goberno galego leva ao Parlamento o teito de gasto
  • A revisión á alza da previsión de crecemento para 2018 queda no 2,8% e no 2,5% en 2019, polo que Galicia seguirá experimentando un forte crecemento
  • O titular de Facenda asegurou que o límite de gasto é "realista e prudente"

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2018.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, explicou hoxe que o teito de gasto non financeiro para 2019 presentado hoxe no Parlamento galego é o máis san de todos os elaborados pola Xunta de Galicia, xa que é o que menos utiliza o recurso á débeda. De feito, nos últimos catro anos o límite de gasto pasou de ter unha porcentaxe de débeda sobre o total superior ao 5%, a representar o recurso ao endebedamento tan só o 0,7% o vindeiro ano.

O teito de gasto non financeiro para 2019 ascende a 9.850 millóns de euros, un 3,8% máis que no actual exercicio. Isto supón un incremento de 363 millóns sobre o presuposto en vigor ao mesmo tempo que descende o recurso á débeda, xa que a Comunidade Autónoma reducirá o seu déficit ata os 69 millóns de euros, o que supón o 0,1% do PIB.

Na súa intervención, o conselleiro de Facenda explicou que Galicia enlazará en 2019 cinco anos consecutivos de "forte crecemento", nun exercicio no que seguirá baixando o paro, volverase reducir a ratio de débeda/PIB e se acadará "a práctica consolidación fiscal". Tamén recalcou que, co teito de gasto presentado hoxe, a capacidade de gasto de Galicia nos últimos catro anos terá aumentado en 1.400 millóns de euros.

Valeriano Martínez incidiu en que este teito de gasto mantén a aposta por consolidar un modelo propio de crecemento en Galicia, en liña co marcado no Plan Estratéxico 2015-2020: "Un crecemento san, apoiado no control do déficit e do endebedamento públicos, no investimento produtivo e no pago áxil dos nosos compromisos", sinalou.

Oito anos consecutivos con teito de gasto
Con este son xa oito anos consecutivos os que leva o Goberno galego presentando o límite de gasto para o vindeiro ano na Cámara, aínda que este ano non se puido aprobar nos prazos habituais. O conselleiro achacou esta situación ao Goberno central, que non comunicou unhas entregas a conta certas en xullo –xa que faltaba un mes do Imposto do Valor Engadido (IVE)-, o que impediu a súa aprobación en prazo.

Non obstante, a Xunta preparou o teito de gasto para presentalo cando fose posible, co obxectivo de poder presentar en tempo e forma os orzamentos para 2019. Neste sentido, engadiu que o actual Goberno galego é "solvente, responsable e cumpridor", e por iso se leva á Cámara o límite de gasto nun momento en que "Galicia segue consolidando a recuperación económica e crecendo por riba de España", afirmou.

Máis crecemento
En canto á actualización do cadro macroeconómico, o conselleiro explicou que a previsión de evolución do PIB para 2018 do 2,8%, e do 2,5% para 2019, polo que Galicia seguirá medrando máis que a economía española. En termos de emprego, a previsión é rebaixar unha décima a taxa de paro recollida nos orzamentos vixentes, ao pasar do 14,2% ao 14,1%, mentres que en 2019 seguirá baixando ata o 12,7%.

En resumo, o conselleiro de Facenda afirmou que o teito de gasto presentado hoxe na Cámara autonómica é "realista e prudente", dentro da consolidación dun modelo de crecemento propio en Galicia que "facemos compatible coa consolidación fiscal" e "reducindo ao mínimo a dependencia da débeda".