Volver ao contido

Programa Operativo FEDER Galicia 2007-2013

As Directrices Estratéxicas Comunitarias 2007-2013 constitúen o documento de referencia da Comisión Europea para o novo período de programación, xa que marcan as pautas básicas de actuación para os Estados membros na configuración dunha política de cohesión en apoio do crecemento e do emprego, inspirada á súa vez na Axenda de Lisboa e no Consello de Gotemburgo de 2001.

 

O presente Programa Operativo, que se elaborou de acordo con estes principios xerais e coa reorientación da política económica comunitaria deseñada pola Xunta de Galicia no Marco Estratéxico de Converxencia Económica de Galicia 2007-2013 (MECEGA), persegue alcanzar os niveis medios de riqueza e benestar europeos co Obxectivo Global de "Converxer en termos de crecemento e emprego, grazas ao fomento dunha economía baseada no coñecemento,". Ao mesmo tempo, este marco asegura a complementariedade con outras formas de intervención comunitaria na Comunidade Autónoma.

 

Para a consecución deste Obxectivo Global, establécense catro Obxectivos Finais:

  • "Impulsar e dinamizar a economía rexional facendo de Galicia un lugar máis atractivo para investir e traballar";
  • "Incrementar a competitividade do tecido produtivo galego a través do coñecemento e a innovación";
  • "Aumentar a cohesión social e territorial de Galicia mellorando os niveis de cualificación, a calidade do emprego e a inclusión social" e
  • "Reforzar a sinerxía entre crecemento e desenvolvemento sustentable"

 

No proceso de programación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) interviñeron tanto as distintas Administracións involucradas (Comunitaria, Estatal, Autonómica e Local), como outras institucións e axentes económicos e sociais galegos, definindo unha estratexia integrada de desenvolvemento rexional que dá resposta ás necesidades e potencialidades existentes en Galicia.

 

O importe total actualizado do Programa ascende a 2.739,4 millóns de euros entre recursos públicos autonómicos, estatais e comunitarios, dos que 2.191,5 millóns corresponden á Axuda comunitaria.

 

As actuacións que se cofinanciarán co PO FEDER Galicia 2007-2013 están relacionadas fundamentalmente co impulso das seguintes sete prioridades: Economía do coñecemento; Innovación empresarial; Medio, ámbito natural, recursos hídricos e prevención de riscos; Transporte e enerxía; Desenvolvemento sustentable local e urbano; Infraestruturas sociais; e Asistencia técnica e reforzo da capacidade institucional.

 

Un elemento importante do Programa é a inclusión dun enfoque de dimensión territorial e demográfica na súa estratexia, dando resposta á realidade xeográfica e socioeconómica do país.

 

O programa que se presenta detalla, para o período 2007-2013, a articulación das liñas de actuación previstas para facer fronte aos principais retos do desenvolvemento económico de Galicia e acelerar a converxencia coa UE.

 

 

►  Portal Web da Revista Galega de Economía

►  Portal Web Informes anuais de programación rexional
       da DG de Fondos Europeos do Mº de Facenda

►  Portal web da DX de Fondos Europeos. Ministerio de
       Facenda. Lista de beneficiarios dos
       POs FEDER e do Fondo de Cohesión 2007-2013 de España

 

Union Europea

Documentos asociados