Volver ao contido

Orzamentos

Galicia garante o cumprimento do déficit este ano sen baixar salarios e sen subir impostos

Galicia garante o cumprimento do déficit este ano sen baixar salarios e sen subir impostos

A conselleira de Facenda presenta o Plan de Reequilibrio e di que non haberá que tomar medidas drásticas porque é a comunidade que menos ten que reducir o seu déficit, 69 millóns de euros, o 0,4% do total

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, garantiu hoxe que Galicia cumprirá este ano o obxectivo do déficit público sen necesidade de ter que rebaixar o salario dos empregados públicos, sen ter que subir impostos e sen ter que pechar hospitais, medidas que si terán que afrontar outras comunidades autónomas.

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, garantiu hoxe que Galicia cumprirá este ano o obxectivo do déficit público sen necesidade de ter que rebaixar o salario dos empregados públicos, sen ter que subir impostos e sen ter que pechar hospitais, medidas que si terán que afrontar outras comunidades autónomas.

Elena Muñoz Fonteriz, que presentou na Casa de Galicia de Madrid o Plan de Reequilibrio que mañá se votará no seo do Consejo de Política Fiscal y Financiera (CPFF), reiterou que a Comunidade galega non terá que tomar medidas drásticas de redución de gasto este ano grazas a que esta autonomía leva tres exercicios realizando políticas de austeridade e axustes progresivos, cun control rigoroso do déficit público.

A titular de Facenda, que está convencida de que o CPFF aprobará este plan, explicou que Galicia será a comunidade que menos axustes en termos de déficit terá que facer, tan só 69 millóns de euros, o 0,4% do total. Este documento inclúe as actuacións que se van tomar para dar cumprimento ao obxectivo de estabilidade para este ano, fixado no 1,5% do PIB, tan só unha décima inferior ao 1,6% co que pechou a comunidade 2011.

Así, a conselleira indicou que a Comunidade leva tres anos de vantaxe á maioría de autonomías e precisou que o Plan de Reequilibrio inclúe todas as políticas de austeridade e eficiencia que se foron implantando, como os aforros en gastos de persoal coa Lei de Medidas Temporais e o plan de optimización do gasto previsto na Lei de Orzamentos de 2012.

Outras medidas previstas son aforros en licitación e contratación electrónicas, en gasto corrente de alugueiros e como consecuencia da redución de número de consellerías, número de altos cargos e persoal de gabinete; ademais do Plan de Racionalización da Administración Instrumental.

A conselleira sinalou que, adicionalmente, inclúense medidas de contención de gasto corrente de funcionamento da Administración Xeral por importe de 26 millóns, en partidas xa rebaixadas con anterioridade como publicidade e propaganda, atención protocolaria e traballos técnicos. Ademais, engadiu que se revisarán liñas de subvencións que non son prioritarias para, ou ben diminuír o seu importe, ou ben prescindir dalgunha non efectiva.

Elena Muñoz Fonteriz subliñou que, desta maneira, de novo o Goberno galego blinda o gasto social e mantén o esforzo en investimento produtivo. Concluíu que este ano Galicia manterase de novo como unha comunidade solvente, fiable e que garante os servizos públicos así como o pago dos seus provedores.