Volver ao contido

Planificación e Fondos

Autorizada a fusión entre as sociedades mercantís Televisión de Galicia S.A. e Radiotelevisión de Galicia S.A.

Autorizada a fusión entre as sociedades mercantís Televisión de Galicia S.A. e Radiotelevisión de Galicia S.A.

  •  O ente fusionado denominarase Corporación de Radio Televisión de Galicia S.A.
  • A nova corporación integrará nun só os actuais tres entes que prestan o servizo público de comunicación audiovisual de Galicia

Santiago, 10 de outubro de 2013.- O Consello da Xunta aprobou hoxe o acordo polo que se autoriza a fusión entre as sociedades mercantís públicas Televisión de Galicia S.A. e Radiotelevisión de Galicia S.A., dentro do proceso polo que se integrará nunha unica corporación os actuais tres entes que prestan o servizo público de comunicación audiovisual de Galicia.

A Xunta de Galicia designou o pasado 29 de agosto a Televisión de Galicia S.A. como futura Corporación de Radio e Televisión de Galicia S.A. (Corporación RTVG), a entidade pública que unificará os actuais tres entes que prestan este servizo público.

Agora, o Consello da Xunta autoriza a fusión por absorción entre Televisión de Galicia S.A. (entidade absorbente) e Radiotelevisión de Galicia S.A. (entidade absorbida), de xeito que o ente resultante pasará a denominarse Corporación RTVG.

Esta fusión suporá na práctica, conforme vaia avanzando o proceso, a disolución do ente público Compañía Radio-Televisión de Galicia (CRTVG), que ata agora integraba as dúas sociedades públicas Televisión de Galicia S.A. e Radiotelevisión de Galicia S.A. Deste xeito, unificarase nun único ente a prestación deste servizo público, en lugar dos tres que existen na actualidade.

Con esta operación, o Goberno galego dá cumprimento ao compromiso de mellora da eficiencia administrativa na prestación do servizo público de audivisual. Ademais, realízase logo de estudar as conclusións da Comisión Técnica de Seguimento para a constitución da Corporación RTVG, organismo encargado de levar a cabo todas as actuación necesarias para esta integración.

Esta comisión, que xa analizara en varias reunións a situación actual dos tres entes, tamén lle encargou á CRTVG que solicitase o asesoramento técnico necesario para que a operación de transición á Corporación RTVG se realice dentro das posibilidades que ofrece o ordenamento xurídico, do xeito máis eficiente para os intereses públicos.