Volver ao contido

Función Pública

A Xunta convoca o proceso selectivo para 20 prazas da Escala de Axentes Medioambientais

A Xunta convoca o proceso selectivo para 20 prazas da Escala de Axentes Medioambientais

  • A convocatoria inclúe 15 prazas de quenda libre e 5 de promoción interna
  • As persoas interesadas deben ter o título de técnico superior en xestión e organización de recursos naturais e paisaxísticos ou unha titulación equivalente
  • Función Pública xa convocou outro centenar de prazas nos meses de xuño e xullo

Santiago, 17 de outubro de 2013- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria do proceso selectivo para o ingreso no corpo de axudantes facultativos da Administración da Xunta de Galicia (subgrupo C1), na escala de axentes medioambientais.

A convocatoria oferta un total de 20 prazas, 15 de quenda libre e das que se reserva 1 para persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%; e 5 de promoción interna. As prazas reservadas á queda de promoción interna que non se cubran acumularanse ás de acceso libre.

As persoas interesadas en presentarse a este proceso selectivo deben contar co título de técnico superior en xestión e organización de recursos naturais e paisaxísticos ou con algunha titulación que teña os mesmo efectos profesionais e académicos.

O prazo de presentación de instancias é de vinte días naturais que se contan a partir do día seguinte á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, neste caso a partir de mañá.

Un centenar de prazas ofertadas

Estas 20 prazas súmanse ás convocatorias doutros case cen postos publicadas nos meses de xuño e xullo no DOG por parte da Dirección Xeral da Función Pública, co obxectivo de favorecer o acceso ás escalas de funcionarios da administración da Xunta de Galicia.

Así, por un lado ofertáranse 61 prazas que pertencían aos subgrupos A1, A2 e C1 en diferentes escalas da Administración autonómica, coma arquitectos, enxeñeiros, inspectores urbanísticos ou biólogos.

E polo outro, 38 postos que incluían prazas de persoal especializado en distintos ámbitos da Administración autonómica, entre as que destacaban as relativas ás escalas superior de finanzas, delineantes, estatística ou ás de técnicos de finanzas.