Saltar al contenido

Presupuestos

A Xunta reduciu en máis de 300 millóns de euros o déficit de Galicia en 2011, malia ter case 500 menos de ingresos

A Xunta reduciu en máis de 300 millóns de euros o déficit de Galicia en 2011, malia ter case 500 menos de ingresos

O Goberno galego logrou blindar a prestación dos servizos públicos esenciais en 2011 por terceiro ano consecutivo cuns niveis de ingresos do ano 2005

A Xunta de Galicia conseguiu reducir en máis de 300 millóns de euros o déficit da comunidade en 2011 con relación ao ano anterior, do 2,3 ao 1,6% do PIB autonómico, a pesar de que o seu nivel de ingresos caeu en case 500 millóns de euros respecto ao exercicio do ano 2010

A Xunta de Galicia conseguiu reducir en máis de 300 millóns de euros o déficit da comunidade en 2011 con relación ao ano anterior, do 2,3 ao 1,6% do PIB autonómico, a pesar de que o seu nivel de ingresos caeu en case 500 millóns de euros respecto ao exercicio do ano 2010.

Ademais, aínda que os ingresos da comunidade se situaron en niveis do ano 2005, o Executivo autonómico conseguiu blindar a prestación dos servizos públicos esenciais por terceiro ano consecutivo.

Así se recolle nun informe presentado hoxe pola conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, ao Consello da Xunta, sobre o avance de peche do ano 2011 en termos de déficit e de execución orzamentaria. No texto recóllese que Galicia foi a segunda comunidade autónoma que rexistrou un menor déficit público en 2011, cun 1,6% do PIB, case a metade do rexistrado de media polo conxunto de autonomías, que se elevou ao 2,94%.

Se o anterior Goberno central non incumprise o sistema de financiamento autonómico e transferise o Fondo de Cooperación en 2011, que achegaría 243 millóns de euros á autonomía, o déficit da Comunidade galega situaríase por debaixo do 1,3% do PIB. Desta forma, esgotou toda a súa capacidade de endebedamento, ao ser unha das poucas comunidades en completar o seu programa anual.

O informe avanza que o Goberno galego executou o 98,5% do seu orzamento o pasado exercicio. A achega ao conxunto repártese entre o 97,6% da Administración xeral e organismos autónomos, o 0,7% doutras entidades públicas e universidades e o 0,2% debido a axustes técnicos na contabilidade nacional.

Ademais, a execución dos pagamentos na Comunidade galega o ano pasado superou en 6,4 puntos a media do conxunto de España e foi máis de 20 puntos superior á media nos referidos a investimentos de capital.

Por outra banda, a economía galega creceu un 0,5% no ano 2011 e acumula dous exercicios en positivo, logo de ter avanzado un 0,1% en 2010, segundo os datos facilitados polo Instituto Galego de Estatística (IGE).