Volver ao contido

Notas de prensa

« Atrás

O Plan de Reactivación e Dinamización inclúe unha dotación de máis de 3.000 millóns para recuperar a actividade económica e o emprego e para fortalecer os servizos públicos

O Plan de Reactivación e Dinamización inclúe unha dotación de máis de 3.000 millóns para recuperar a actividade económica e o emprego e para fortalecer os servizos públicos

  • A meirande parte da dotación, 1.741 millóns de euros, procederá de recursos públicos que achegará a Xunta de Galicia, que permitirán mobilizar outros 1.302 millóns do sector privado
  • Na distribución deste recursos, as áreas que concentran maior impacto son a dinamización económica e o emprego -que suman 537 millóns- e a sanidade, con outros 450 millóns
  • Para infraestruturas e mobilidade destínanse 183 millóns; para o medio rural, 161 millóns; 105 millóns para a área social, e tamén haberá recursos para o turismo e a cultura, o sector marítimo, o medio ambiente e a vivenda
  • Todas estas actuacións correspóndense coa armazón financeira da que dispón Galicia para facer viables todos os proxectos sectoriais prioritarios
  • A Xunta tamén ampliará o aprazamento dos principais impostos autonómicos (Transmisións Patrimoniais, Sucesións e Doazóns e Xogo) ata o 1 de novembro, para dar máis liquidez a cidadáns e empresas
  • O Plan de Reactivación e Dinamización dá resposta ás propostas do Comité de Expertos Económicos e incluirá o impulso a proxectos tractores de alto valor engadido, tal como recomendou este comité

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2020.- O Plan de Reactivación e Dinamización 2020 inclúe unha dotación de 3.043 millóns de euros e terá como obxectivo fundamental recuperar a actividade económica de Galicia máis afectada pola pandemia, a xeración de emprego nos sectores máis golpeados pola covid-19 e fortalecer os servizos públicos que reciben os cidadáns.

Segundo acordou hoxe o Consello da Xunta, a meirande parte da dotación deste plan (1.741 millóns de euros) procederá de recursos públicos que achegará a Xunta de Galicia. Estes recursos procederán de reasignación do Orzamento en vigor (828 millóns), de achegas estatais (un mínimo de 506 millóns), de reprogramacións dos fondos europeos (256 millóns) e de marxes orzamentarias (51 millóns), como o déficit adicional ou o aforro de xuros.

Estes recursos supoñen a armazón financeira de que dispón Galicia para facer viables todos os proxectos sectoriais prioritarios, que desenvolve cada departamento autonómico. En todo caso, estes recursos públicos que activará a Administración autonómica permitirán mobilizar outros 1.302 millóns do sector privado, sobre todo na parte da dinamización económica.

Recursos a áreas prioritarias
Na distribución deste recursos, as áreas que concentran maior impacto son a dinamización económica e o emprego, que suman entre ambas 537 millóns. Así, na dinamización económica (340 millóns) haberá actuacións a curto prazo (axudas shock económico causado pola parálise), a medio prazo (retorno á actividade) e a longo prazo, co pulo á transformación económica e industrial.

En canto ao emprego, o Plan de Reactivación e Dinamización establece unha dotación de 197 millóns para o impulso do emprego autónomo, a formación para o emprego, a transición ao novo contexto laboral –con medidas no eido do teletraballo, a contratación ou os ERTEs- ou a modernización das oficinas de emprego.

O Plan de Reactivación e Dinamización inclúe tamén 450 millóns de euros para a sanidade, dos cales 251 millóns destínanse ao reforzo de dotacións, 105 millóns para adquisicións –como material sanitario ou equipos de protección–, 63 millóns para o reforzo e contratación de persoal sanitario e outros 31 millóns para investimentos. Tamén no eido dos servizos públicos, establece unha dotación de 105 millóns para a área social e outros 72 millóns para a mellora do ensino.

Sobre o resto de áreas, o Plan de Reactivación inclúe 58 millóns para o turismo e a cultura, 77 millóns para o sector do mar, 104 millóns para o medio ambiente e a vivenda e 183 millóns de euros para infraestruturas e mobilidade; e para o medio rural, 161 millóns, entre os que se inclúe un plan de liquidez específico para produtores e a industria agroalimentaria máis afectada pola covid-19.

Novo aprazamento de impostos
A Xunta de Galicia tamén ampliará o aprazamento dos principais impostos autonómicos (Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados, Imposto sobre Sucesións e Doazóns e Tributos sobre o Xogo) ata o vindeiro 1 de novembro, para dar máis liquidez a cidadáns e empresas.

Segundo os cálculos da Axencia Tributaria de Galicia, esta medida está a beneficiar cada mes a unhas 32.000 persoas e empresas, e supón que a facenda autonómica deixa de ingresar uns 35 millóns de euros cada mes.

Dá resposta ao Comité de Expertos Económicos
O Plan de Reactivación e Dinamización dá resposta ás propostas realizadas nos últimos meses polo Comité de Expertos Económicos de Galicia, un comité plural que realizou un intenso labor de asesoramento ao Goberno galego e que formulou numerosas propostas á Xunta de Galicia, ás entidades locais e tamén ao Goberno de España.

Neste sentido, a través do Plan de Reactivación e Dinamización impulsaranse diversos proxectos tractores de alto valor engadido, que é precisamente unha das recomendacións efectuadas polo Comité de Expertos.