Volver ao contido

Notas de prensa

« Atrás

A Xunta elevará en 2017 o orzamento de todas as consellerías e gastará un 33% máis nas provincias de Lugo e Ourense que nas atlánticas para afondar no reequilibrio territorial

A Xunta elevará en 2017 o orzamento de todas as consellerías e gastará un 33% máis nas provincias de Lugo e Ourense que nas atlánticas para afondar no reequilibrio territorial

  • A Administración galega destinará 3.522 euros por habitante en Lugo e 3.355 euros en Ourense, fronte aos 2.457 na Coruña e 2.728 de Pontevedra
  • As consellerías con maior orzamento serán Sanidade (3.614 millóns), Cultura e Educación (2.314) e Política Social (645)
  • Os beneficios fiscais aumentan un 7% e chegan ata os 391 millóns de euros, o que permitirá incrementar a renda dispoñible das familias galegas
  • A Xunta esgota o teito de gasto e disporá o vindeiro ano de 300 millóns máis para consolidar o crecemento san en Galicia
  • Os investimentos medran por riba da media e o gasto social sube 229 millóns
  • O conselleiro de Facenda entregou hoxe no Parlamento os proxectos de Lei de Orzamentos para 2017 e de Medidas Fiscais e Administrativas

 

Santiago, 3 de decembro de 2016.- A Xunta de Galicia incrementará en 2017 o gasto de todas as consellerías que conforman a Administración autonómica e destinará ás provincias de Lugo e Ourense un maior gasto por habitante que en A Coruña e Pontevedra, co obxectivo de seguir avanzando no reequilibrio territorial entre as provincias orientais e as atlánticas. Así o indicou hoxe o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, na presentación no Parlamento dos Orzamentos da Xunta para 2017.

 

Valeriano Martínez detallou que o gasto por habitante nas provincias de Lugo e Ourense será de 3.522 e 3.355 euros, respectivamente. Mentres, o gasto per cápita da Administración autonómica na provincia de A Coruña será de 2.457 euros, e de 2.728 euros na de Pontevedra. Isto supón que o gasto por habitante nas provincias orientais é un 33% superior ao gasto nas provincias atlánticas.

 

En termos absolutos, o maior volume de gasto correspóndese coas provincias máis poboadas. Así, a Xunta destina á provincia de A Coruña 2.769 millóns de euros, e á de Pontevedra outros 2.584 millóns. O volume global é menor nas provincias orientais por ter menos habitantes, xa que a de Lugo recibirá 1.195 millóns e a de Ourense, outros 1.068 millóns.

 

Respecto do gasto por consellerías, o titular de Facenda destacou que os departamentos autonómicos que terán máis dotación en 2017 son Sanidade (3.614 millóns, 101 máis que este ano) e Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (2.314 millóns, 65 máis). A Consellería de Política Social contará con 645 -medra en 25 millóns-, e a de Medio Rural terá 520, cun incremento de 15 millóns respecto ao actual exercicio.

 

A continuación figura a Consellería de Economía, Emprego e Industria, que medra en 31 millóns ata acadar os 434; Infraestruturas e Vivenda (351 millóns, 11 máis); a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (262, cun aumento de 9 millóns) e a Presidencia da Xunta, con 175 millóns, 6 máis.

 

Finalmente, a Consellería do Mar aumenta a súa dotación orzamentaria en 13 millóns respecto do actual exercicio e acada os 142; a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, con 112 millóns -3 máis que en 2016- e a Consellería de Facenda, que medra en 2 millóns, ata os 53.

 

Beneficios fiscais

O conselleiro explicou tamén que os Orzamentos da Xunta para 2017 incluirán beneficios fiscais para familias, fogares e empresas por un importe de 391 millóns de euros, o que supón un aumento do 7,4% respecto ao actual exercicio. Os beneficios fiscais son unha estimación do impacto sobre os tributos autonómicos das medidas de política económica e social da Xunta. Ademais, Valeriano Martínez indicou que preto do 92% destes beneficios fiscais son de carácter social, é dicir, a favor das familias galegas

 

Logo da súa aprobación onte no Consello da Xunta, o conselleiro de Facenda entregou hoxe no Parlamento os proxectos de Lei de Orzamentos para 2017 e de Medidas Fiscais e Administrativas, no que se inclúen –entre outras– unha nova rebaixa fiscal centrada no eido rural. A Xunta bonificará a adquisición de vivenda para uso habitual aos mozos, familias numerosas e persoas con discapacidad cando estea ubicada nunha zona rural.

 

Ademais, o Goberno galego consolida as baixadas de impostos xa en vigor dende xaneiro de 2016, e que afectan ao IRPF, ao Imposto sobre Sucesións -o 99% dos galegos xa non pagan este imposto cando reciben unha herdanza dun familiar directo- e o programa de impostos cero no rural. Deste xeito comeza a súa tramitación na Cámara, co obxectivo de que os distintos grupos parlamentarios realicen as súas achegas.

 

Segundo orzamento expansivo

As de 2017 serán as segundas contas expansivas que presenta a Administración galega dende 2008, de xeito que a Xunta disporá o vindeiro ano de 260 millóns de euros máis que no actual exercicio, e máis de 600 millóns respecto a 2014. Isto permitirá reforzar o gasto social en case 230 millóns de euros e incrementar os investimentos produtivos, co obxectivo de que a recuperación económica chegue a todos os fogares.

 

O proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade autónoma para 2017 establece un gasto de 9.063 millóns, o que supón esgotar o teito de gasto aprobado polo Parlamento e elevar o gasto da Comunidade Autónoma un 2,9%. A Xunta incrementa así o seu gasto en 259 millóns respecto ao ano anterior, aos que se suman preto de 40 millóns máis de capacidade pola baixada dos xuros da débeda. A Xunta destinará o vindeiro ano 9.045 millóns a gasto non financeiro e outros 18 a instrumentos financeiros para pemes e I+D.

 

O pago de xuros de débeda baixa un 13%, o que supón un aforro para a Xunta de 36,3 millóns respecto a 2016 e de case 120 millóns nos últimos tres anos. Neste sentido, o obxectivo do Executivo galego é seguir reducindo a ratio débeda/PIB no 2017 ata situala no entorno do 18,8%, polo que Galicia seguirá entre as comunidades menor endebedadas.