Volver ao contido

Notas de prensa

« Atrás

As probas do primeiro proceso de funcionarización celebraranse o vindeiro 3 e 4 de outubro con todas as garantías sanitarias

As probas do primeiro proceso de funcionarización celebraranse o vindeiro 3 e 4 de outubro con todas as garantías sanitarias

  • As autoridades sanitarias avalan o protocolo covid 19 para a realización das probas
  • Trátase dun proceso voluntario e restrinxido para o persoal laboral fixo da Xunta

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2020.- As probas do primeiro proceso de funcionarización da Xunta de Galicia celebraranse o vindeiro 3 e 4 de outubro con todas as garantías sanitarias, logo de que as autoridades sanitarias autorizaran o protocolo covid 19 elaborado pola Xunta. Os exames, nos que participarán arredor de 900 empregados públicos terán lugar no recinto da Feira Internacional de Silleda en Pontevedra, segundo se desprende das resolucións publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Este é o primeiro proceso de funcionarización que se realiza na Administración pública galega, e está previsto no Acordo de Concertación Social do Emprego Público de Galicia asinado entre a Xunta e os sindicatos CC.OO. e UXT a principios de 2019.

Trátase dun proceso de carácter voluntario que habilita ao persoal laboral fixo incluído no ámbito de aplicación do Convenio Colectivo Único do persoal laboral da Xunta que superou un proceso selectivo para ter esa condición de persoal laboral fixo, para adquirir a condición de persoal funcionario de carreira a través dun procedemento selectivo específico. A finalidade deste procedemento é unificar o réxime xurídico aplicable ao persoal que presta servizos na Administración da Xunta de Galicia. Máis do 95% dos profesionais laborais fixos da Xunta solicitaron acollerse a este proceso.

Probas con garantía sanitarias
O proceso selectivo que deberán superar os participantes será o de concurso-oposición, tal e como se establece no Estatuto do Empregado Público (EBEP). En todo caso, trátase dunha proba de características diferentes ás establecidas para un proceso selectivo ordinario pois non é un proceso de carácter competitivo como sucede nun proceso selectivo de acceso libre, senón restrinxido para o persoal laboral fixo da Xunta. Os profesionais que superen este proceso seguirán ocupando o mesmo posto de traballo.

As probas, nas que están convocados arredor de 900 empregados públicos, realizaranse no recinto feiral de Silleda con capacidade para 6.900 persoas e con todas as garantías sanitarias e total seguridade. Serán en catro quendas, dúas o sábado (mañá e tarde) e outras dúas o domingo (mañá e tarde).

As persoas aspirantes deben  acudir soas (salvo que precisen asistencia) e presentarse á hora indicada na convocatoria, non con antelación; deberán gardar en todo momento a distancia de seguridade; será obrigatorio o uso de máscara durante todo o proceso e o emprego de xel hidroalcohólico para entrar nos pavillóns.
As persoas interesadas poden consultar toda a información relativa ás probas e ás medidas de seguridade do Diario Oficial de Galicia e no portal corporativo https://www.xunta.gal/funcion-publica/funcionarizacion.