
-O Goberno galego destinará case 7 de cada 10 euros a gasto social, co que incrementará dous puntos o seu peso nas contas
-O Executivo aumentará un 1% os investimentos malia a caída dun 12% dos ingresos non financeiros
-Aposta por non subir a presión fiscal dos cidadáns e aproveitar o recurso á débeda para realizar investimentos produtivos/*
-As prioridades serán os servizos públicos, a recuperación económica e a converxencia e a competitividade/*
A combinación de políticas baseadas na solidariedade e no investimento posibilitarán que Galicia volva ter un PIB positivo, do 0,2%, cinco décimas por riba da previsión do Estado
-Sanidade, Educación, Políticas Activas de Emprego, Economía do Coñecemento, Mobilidade e Infraestruturas, Cohesión e Benestar Social e Dinamización Económica serán os eixes dos orzamentos
-As contas reflicten un compromiso coa dependencia, con 74 millóns de euros máis, un 45% máis
-A Xunta tamén compensará con case 30 millóns de euros máis as universidades e con 20 os concellos
-O Xacobeo 2010 contará cunha partida específica de 42 millóns de euros e terá uns efectos na economía galega duns 200 millóns de euros.
*O Consello da Xunta aprobou hoxe o Proxecto de Lei de orzamentos da
comunidade autónoma para o ano 2010, unhas contas que permitirán a
Galicia iniciar a senda da recuperación económica e volver ter unha
taxa positiva do PIB, que se estima no 0,2%, medio punto por riba da
previsión do Goberno central para o conxunto de España.*
*O gasto non financeiro para o vindeiro ano ascenderá a 11.052,1
millóns de euros, un 3,3% menos que no exercicio de 2009. O Goberno
galego destinará case 7 de cada 10 euros a gasto en sanidade,
educación e servizos sociais, polo que o seu peso relativo gaña dous
puntos.*
As prioridades das contas autonómicas para o vindeiro ano serán uns servizos públicos próximos e eficientes, a recuperación económica e a converxencia e a competitividade, cunha combinación de políticas baseadas na solidariedade e no investimento que traerán como resultado que Galicia saia da recesión e volva ter crecemento.
Os orzamentos da Xunta para 2010 céntranse en sete eixes de actuación fundamentais en que se priorizará o gasto. Así, as partidas relativas a sanidade contarán en 2010 cun total de 3.728,3 millóns de euros; as de educación, con 2.367,2; as de políticas activas de emprego, con 386,8; as da economía do coñecemento, a 185,4; as de mobilidade e infraestruturas, con 503,3; as de cohesión e benestar social, con 577; e as de dinamización económica, con 745,3 millóns de euros.
*Os investimentos soben un 1%*
A pesar da caída dun 12% dos ingresos non financeiros, o capítulo VI de investimentos crecerá un 1% grazas ao recurso á débeda e a fórmulas de financiamento específicas, extraorzamentarias, que permitirán situar en 1.520 millóns de euros os investimentos reais.
O Executivo autonómico, ao contrario que o Goberno central, non subirá a presión fiscal dos cidadáns e apostará por aproveitar ao máximo a súa capacidade de endebedamento para poder financiar investimentos produtivos. Ademais, os gastos de funcionamento da administración autonómica baixarán un 20%.
A Xunta de Galicia tamén aposta, nun período de dificultades económicas, por un modelo baseado na economía do coñecemento e destina 49,8 millóns de euros a I+D+i, un 0,8% máis; 50,6 millóns de euros á sociedade do coñecemento, un 5,5% máis; e 46,8 millóns de euros a modernización, un 15,4% máis.
As contas autonómicas de 2010 reflicten un compromiso coa dependencia, que sumará 74 millóns de euros máis, un 45% máis que este ano, con incrementos interanuais do 52,1% en libranzas, do 11,9% en residencias, do 9% en centros de día e do 0,9% en axuda no fogar.
Este esforzo tamén se aprecia nas universidades e nos concellos. Así, as universidades galegas recibirán un financiamento adicional de 28,2 millóns de euros e os municipios unha partida adicional de 18,3 millóns de euros.
O Xacobeo será outra das prioridades dos orzamentos de 2010 e contará cunha partida específica de 42 millóns de euros, que será complementado con actuacións e recursos adicionais da maioría de consellerías da Xunta. O Goberno galego estima que os efectos do Ano Santo na economía galega rondarán os 200 millóns de euros.
- Sanidade
- Educación
- Políticas activas de Emprego
- Cohesión e benestar social
- Movilidade e Infraestructuras
- Economía do coñecemento
- Dinamización económica












