‘Sofía' e ‘Martín' continúan sendo os nomes máis frecuentes das nenas e nenos que nacen en Galicia
- O IGE publica a ‘Estatística de nomes dos neonatos galegos' correspondente ao ano 2017
- Como novidade, ‘Lucas' substitúe a ‘Mateo' como o segundo nome máis frecuente entre os nenos
- Os nomes máis empregados para as nenas nadas en Galicia son ‘Sofía', ‘Noa', ‘Daniela', ‘Martina' e ‘Sara'
- En canto aos masculinos, destacan ‘Martín', ‘Lucas', ‘Mateo', ‘Hugo' e ‘Leo'
Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2018.- O Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de publicar a ‘Estatística de nomes dos neonatos galegos' correspondente ao ano 2017, que reflicte que ‘Sofía' e ‘Martín' continúan sendo os nomes máis frecuentes das nenas e nenos nados en Galicia. Ademais, como novidade destaca que ‘Lucas' substitúe a ‘Mateo' como o segundo nome máis frecuente entre os nenos.
Os nomes de mulleres máis frecuentes son ‘Sofía', ‘Noa', ‘Daniela', ‘Martina' e ‘Sara'. Se se compara co 2016, ‘Alba' desaparece da lista dos cinco primeiros nomes máis empregados e é substituído por ‘Daniela'. Pola contra, se se establece unha comparativa co ano 2007, ‘Noa' e ‘Sara' son os únicos que coinciden entre os cinco primeiros.
En canto aos nomes masculinos, a estatística mostra que os cinco nomes máis frecuentes son ‘Martín', ‘Lucas', ‘Mateo', ‘Hugo' e ‘Leo'. A mesma comparativa co 2016 mostra que o ano pasado ‘Pablo' desaparece de entre os cinco nomes máis frecuentes e aparece ‘Leo'. Con respecto ao 2007, o único nome que coincide é ‘Hugo'.
Por outra banda, se se amplía a mostra e se teñen en conta os 20 primeiros nomes, pódese ver como entre 2016 e 2017, no caso dos nenos todos os nomes coinciden agás o nome de ‘Anxo' que no 2017 é substituído por ‘Antón'. En canto ás nenas, no 2017 suben á lista ‘Iria' e ‘Sabela' –que estaban xa presentes no 2015- e desaparecen ‘Lía' e María'. Ademais, na actualidade medra a tendencia a empregar nomes galegos tanto para as nenas (‘Noa', ‘Uxía', ‘Antía' ou ‘Sabela') como para os nenos (‘Brais', ‘Antón' ou ‘Iago').
A estatística pódese consultar no seguinte enlace: https://www.ige.eu/igebdt/selector.jsp?COD=2245&paxina=001&c=0201002001
Estatística sobre os nomes máis frecuentes da poboación
O IGE tamén dispón da ‘Estatística sobre os nomes máis frecuentes da poboación' a través da cal se pode coñecer a evolución histórica dos nomes en función da localidade, o xénero ou a década (desde antes de 1930 ata a década actual).
Esta estatística ofrece información relativa aos nomes da poboación que ten fixada a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia, e permite tamén coñecer a distribución comarcal de calquera nome. Esta estatística pódese consultar neste enlace:
http://www.ige.eu/web/mostrar_actividade_estatistica.jsp?idioma=gl&codigo=0201006
NOMES MÁIS FRECUENTES EN 2016 E 2017
NENOS | NENAS | ||||
2017 | 2016 | 2017 | 2016 | ||
1 | Martín | Martín | 1 | Sofía | Sofía |
2 | Lucas | Mateo | 2 | Noa | Noa |
3 | Mateo | Hugo | 3 | Daniela | Sara |
4 | Hugo | Lucas | 4 | Martina | Martina |
5 | Leo | Pablo | 5 | Sara | Alba |
6 | Enzo | Daniel | 6 | Lucía | Daniela |
7 | Daniel | Manuel | 7 | Alba | Lucía |
8 | Pablo | Leo | 8 | Carla | Valeria |
9 | Manuel | Enzo | 9 | Lara | Carla |
10 | Izan | Adrian | 10 | Vera | Carmen |
11 | Adrián | Izan | 11 | Carmen | Vera |
12 | Diego | Diego | 12 | Valeria | Lara |
13 | Gael | Alejandro | 13 | Paula | Julia |
14 | Alejandro | Gael | 14 | Julia | Paula |
15 | Mario | Mario | 15 | Valentina | Valentina |
16 | Marco | Marco | 16 | Uxía | Emma |
17 | Brais | Anxo | 17 | Emma | Uxía |
18 | Antón | Brais | 18 | Antía | Lía |
19 | Alex | Iago | 19 | Iria | María |
20 | Iago | Alex | 20 | Sabela | Antía |