‘Sofía' substitúe a ‘Noa' como nome máis frecuente das nenas nadas no 2016, e ‘Martín' continúa en primeiro lugar nos nenos
- O IGE publica hoxe a ‘Estatística de nomes dos neonatos galegos' correspondente ao ano 2016
- Os nomes máis frecuentes entre as nenas nadas en Galicia o ano pasado foron Sofía, Noa, Sara, Martina e Alba
- En canto aos masculinos, destacan Martín, Mateo, Hugo, Lucas e Pablo
- Na actualidade tamén sobresaen nomes galegos como Uxía, Lía, Anxo ou Brais
Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2017.- O Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de publicar hoxe a ‘Estatística de nomes dos neonatos galegos' correspondente ao ano 2016, que reflicte que ‘Sofía' substitúe a ‘Noa' como o nome máis frecuente para a nenas, mentres que ‘Martín' se mantén no primeiro posto entre os nenos ao igual que no 2015.
Os nomes de mulleres máis frecuentes no ano 2016 foron o de ‘Sofía', ‘Noa', ‘Sara', ‘Martina' e ‘Alba', na súa maioría curtos e de dúas sílabas. Se se compara co 2015, ‘Alba' desaparece e ‘Daniela' pasa a estar incluído na lista dos cinco primeiros nomes. Pola contra, se se establece unha comparativa co ano 2006, ‘Sara' é o único que coincide e ademais ocupa a mesma posición.
En canto aos nomes masculinos, a estatística mostra que os cinco nomes máis frecuentes o ano pasado eran ‘Martín', ‘Mateo', ‘Hugo', ‘Lucas' e ‘Pablo' e destacan os nomes bíblicos ou de orixe cristiá. A mesma comparativa co 2015 mostra que nese ano, ‘Lucas' desaparece da listaxe e aparece ‘Daniel'. Con respecto ao 2006, os únicos nomes que coinciden son ‘Hugo' e ‘Pablo'.
Por outra banda, se se amplía a mostra e se teñen en conta os 20 primeiros nomes, pódese ver como entre 2015 e 2016, tanto no caso das nenas como dos nenos todos os nomes coinciden agás dous. No 2016 suben á lista ‘Julia' e ‘Lía' e desaparecen ‘Sabela' e ‘Iria'; e no caso dos homes, ‘Xoel' e ‘Antón', presentes entre os 20 primeiros no 2015, son substituídos por ‘Mario' e ‘Marco'. Ademais, na actualidade medra a tendencia a empregar nomes galegos tanto para as nenas (‘Noa', ‘Uxía', ‘Lía' ou ‘Antía') como para os nenos (‘Anxo', ‘Brais' ou ‘Iago').
A estatística pódese consultar no seguinte enlace:
https://www.ige.eu/igebdt/selector.jsp?COD=2245&paxina=001&c=0201002001
Estatística sobre os nomes máis frecuentes da poboación
No 2015, o IGE publicou a ‘Estatística sobre os nomes máis frecuentes da poboación' a través da cal se podía por primeira vez, coñecer a evolución histórica dos nomes en función da localidade, o xénero ou a década (dende antes de 1930 ata a década actual).
Esta estatística ofrece información relativa aos nomes da poboación que ten fixada a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia, e permite tamén coñecer a distribución comarcal de calquera nome.
NOMES MÁIS FRECUENTES EN 2015 E 2016
NENOS | NENAS | ||||
2016 | 2015 | 2016 | 2015 | ||
|
|
|
|
|
|
1 | MARTIN | MARTIN | 1 | SOFIA | NOA |
2 | MATEO | HUGO | 2 | NOA | MARTINA |
3 | HUGO | MATEO | 3 | SARA | DANIELA |
4 | LUCAS | PABLO | 4 | MARTINA | SOFIA |
5 | PABLO | DANIEL | 5 | ALBA | SARA |
6 | DANIEL | LUCAS | 6 | DANIELA | LUCIA |
7 | MANUEL | LEO | 7 | LUCIA | ALBA |
8 | LEO | MANUEL | 8 | VALERIA | CARLA |
9 | ENZO | ADRIAN | 9 | CARLA | PAULA |
10 | ADRIAN | DIEGO | 10 | CARMEN | VALERIA |
11 | IZAN | IZAN | 11 | VERA | MARIA |
12 | DIEGO | ENZO | 12 | LARA | VERA |
13 | ALEJANDRO | ALEJANDRO | 13 | JULIA | UXIA |
14 | GAEL | ALEX | 14 | PAULA | SABELA |
15 | MARIO | BRAIS | 15 | VALENTINA | EMMA |
16 | MARCO | GAEL | 16 | EMMA | CARMEN |
17 | ANXO | IAGO | 17 | UXIA | VALENTINA |
18 | BRAIS | XOEL | 18 | LIA | ANTIA |
19 | IAGO | ANTON | 19 | MARIA | IRIA |
20 | ALEX | ANXO | 20 | ANTIA | LARA |