Volver ao contido

Notas de prensa

2.740 empregados públicos poderán cambiar a outro posto de traballo na Xunta que se adapte mellor ás súas preferencias

2.740 empregados públicos poderán cambiar a outro posto de traballo na Xunta que se adapte mellor ás súas preferencias

  • O Xunta tramita o segundo maior concurso de traslados da historia da Autonomía
  • O DOG publica hoxe a relación provisional de admitidos e excluídos, que terán 10 días hábiles a partir de mañá para presentar alegacións
  • A Administración galega oferta 1.305 postos para que os empregados públicos poidan elixir outro posto de traballo
  • O número de postos medra un 20% respecto ao anterior concurso
  • Con este proceso, a Xunta cubre os postos de traballo vacantes e garante o dereito á mobilidade dos traballadores, facilitando o cambio voluntario
  • Ademais redúcense os desprazamentos e facilítase a conciliación familiar e laboral

Santiago, 6 de novembro de 2015.- Un total de 2.740 empregados públicos van participar no segundo maior concurso de traslados da historia da Xunta, o que lles permitirá cambiar a outro posto de traballo que se adapte mellor ás súas preferencias. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a relación provisional de admitidos e excluídos para a provisión de postos de traballo vacantes na Administración xeral.

 

Neste proceso, convocado o pasado mes de maio, a Xunta oferta un total de 1.305 postos, o que representa un aumento do 20% no número de postos respecto á anterior convocatoria de 2013. A oferta afecta aos cinco grupos do Corpo da Administración Xeral: o corpo Superior (A1), de Xestión (A2), de Administrativos (C1), Auxiliar (C2) e Agrupación Profesional –o antigo corpo subalterno-.

 

O concurso de traslados é un procedemento mediante o cal a Administración cubre os postos de traballo vacantes, para que o persoal funcionario poida cambiar voluntariamente de posto de traballo a outro que se adapta mellor ás súas preferencias. Así, garántese o dereito á mobilidade dos empregados públicos sen que supoña un aumento de custos.

 

Ademais, un empregado público pode obter unha praza nun lugar máis próximo á súa zona de residencia, reducindo desprazamentos diarios e favorecendo a conciliación da súa vida familiar e laboral. Tamén permite mellorar a progresión profesional dos traballadores, posto que os participantes nos concursos de traslados poden acceder a unha praza de maior nivel.

 

Máis posibilidades de conciliación

Este concurso oferta 1.305 postos, pero as posibilidades de mobilidade que ofrece son maiores porque os postos dos funcionarios que obteñen destino son posteriormente ofrecidos aos funcionarios en función das súas preferencias. Polo tanto, os funcionarios poden obter non só os 1.305 postos que se ofrecen, senón tamén aqueles que quedan vacantes polos seus actuais ocupantes. Deste xeito, os traslados potenciais duplícanse.

 

A última provisión de postos de traballo para os Corpos Xerais da Administración Xeral tivo lugar no ano 2013. Naquel momento, foran convocadas para o concurso de traslados 1.085 postos, con 990 postos adxudicados e 2.886 participantes.

 

Os aspirantes poden consultar as listas no Servizo do Rexistro Xeral e Información da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; nas oficinas de Rexistro e Información dos edificios administrativos da Xunta de Galicia, nas oficinas comarcais da Administración galega e no portal web da Xunta (www.xunta.gal). O prazo para presentar alegacións é de 10 días hábiles que se contarán a partir de mañá.