Volver ao contido

Notas de prensa

« Atrás

A economía galega acadou un crecemento do 3,1% no terceiro trimestre e segue consolidando a súa recuperación

A economía galega acadou un crecemento do 3,1% no terceiro trimestre e segue consolidando a súa recuperación

  • O incremento sobre o trimestre anterior foi do 0,8%, segundo as contas do IGE
  • O PIB galego acumula xa oito trimestres consecutivos con taxas de crecemento iguais ou superiores ao 3%
  • Todos os sectores da economía galega continúan en taxas positivas
  • Galicia creou no último ano 19.881 empregos equivalentes a tempo completo
  • A Xunta mantén a súa previsión de acadar neste 2017 un crecemento do 3,1%

 

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2017.- A economía galega acadou un crecemento interanual do 3,1% no terceiro trimestre do ano e continúa consolidando a súa recuperación, segundo reflicten as contas económicas trimestrais publicadas hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

 

Os datos do IGE mostran que o PIB de Galicia encadea xa oito trimestres consecutivos con taxas de crecemento iguais ou superiores ao 3%. As contas publicadas hoxe tamén indican que a economía galega medrou un 0,8% con respecto ao trimestre anterior. Ademais, o avance da economía galega foi igual ao crecemento trimestral da economía española tanto en termos interanuais coma trimestrais, segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE).

 

No terceiro trimestre do ano produciuse unha mellora do gasto en consumo final, que medrou un 1,3% en taxa interanual –cinco décimas máis que o trimestre anterior-, mentres que a formación bruta de capital creceu un 4,9%, 2,1 puntos máis que no segundo trimestre.

 

Pola parte da oferta todos os sectores da economía galega continúan en positivo, tanto a construción (4,2%) coma os servizos (3,3%), a industria (1,8%) -cun avance maior da industria manufactureira, que crece un 3,8%- e o sector primario, que avanzou medio punto.

 

19.881 novos empregos a tempo completo

As contas trimestrais do Instituto Galego de Estatística confirman tamén que a recuperación económica estase a trasladar tamén ao mercado laboral. No terceiro trimestre creáronse 19.881 postos de traballo equivalentes a tempo completo, cun crecemento do 2,0% respecto ao terceiro trimestre do ano pasado. Este incremento foi maior no emprego asalariado

 

Neste eido destaca o incremento do emprego no sector primario, que medra un 3,9%, e na industria (3,4%), cun incremento na industria manufactureira que foi aínda maior, do 3,7%. O resto de sectores tamén acadou unha evolución positiva, xa que nos servizos o emprego medrou un 1,6% e na construción un 1,2%.

 

Previsións da Xunta

A Xunta de Galicia mantén a súa previsión de acadar un crecemento anual do PIB do 3,1% neste exercicio. Isto supón unha mellora de sete décimas respecto á estimación incluída nos Orzamentos da Comunidade Autónoma para este ano, que establecía unha taxa de crecemento do 2,4% para este período.