Volver ao contido

Notas de prensa

A economía galega acelerou o seu crecemento no 2° trimestre ao medrar a un ritmo anual do 3,2%, por riba de España

A economía galega acelerou o seu crecemento no 2° trimestre ao medrar a un ritmo anual do 3,2%, por riba de España

  • Ademais, o crecemento con respecto ao trimestre anterior foi do 0,9% segundo as contas publicadas hoxe polo Instituto Galego de Estatística
  • O PIB autonómico avanza a unha taxa anual do 3,2%, unha décima mellor que o trimestre precedente
  • As exportacións galegas medraron un 5,5% e a industria manufactureira avanzou un 5,7%
  • Todos os sectores da economía galega continúan en taxas positivas

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2017.- A economía galega acelerou o seu crecemento no segundo trimestre do ano ao medrar a un ritmo anual do 3,2%, máis que España, segundo reflicten as contas económicas trimestrais publicadas hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Deste xeito, o Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia medrou no segundo trimestre un 3,2%,  unha décima máis que no primeiro trimestre do ano (3,1%) e por riba tamén da taxa de crecemento interanual rexistrada polo PIB nacional que foi do 3,1%.

Os datos publicados esta mañá mostran que a economía de Galicia medrou un 0,9% con respecto ao trimestre anterior, tres décimas máis que no trimestre precedente cando o crecemento fora do 0,6%. Ademais, o avance do PIB galego entre abril e xuño iguala o crecemento trimestral da economía española, segundo o informe de contabilidade trimestral do Instituto Nacional de Estatística (INE).

Máis exportacións e emprego
Os datos do IGE mostran tamén que o consumo dos fogares galegos segue aumentando e crece un 0,9% en termos interanuais, unha décima máis que no trimestre precedente, mentres que as exportacións aumentan un 5,5%, 0,6 puntos máis que no trimestre anterior.

Ademais, pola parte da oferta, todos os sectores da economía galega continúan en positivo, tanto a construción (3,8%) coma os servizos (3,7%); a industria (2,1%) cun avance maior da industria manufactureira que crece un 5,7%; e o sector primario (0,6%).

En termos de emprego, o número de postos de traballo a tempo completo medrou en Galicia un 2,1% sobre o mesmo trimestre do ano anterior. Neste eido destaca o incremento do emprego no sector primario, que medra un 3,9%, e na industria (2,9%) cun incremento superior na industria manufactureira que medra un 3%.