Volver ao contido

Notas de prensa

A oferta de emprego público da Xunta de Galicia para 2018 aumentará ata as 5.686 prazas, un 65% máis que o ano anterior

A oferta de emprego público da Xunta de Galicia para 2018 aumentará ata as 5.686 prazas, un 65% máis que o ano anterior

  • É a maior oferta de emprego público na Comunidade Autónoma desde o ano 2008
  • Na Administración Xeral ofertaranse 2.175 prazas, das que 1.448 son de acceso libre e o resto para promoción interna e funcionarización do persoal laboral fixo
  • Na sanidade ofertaranse 1.461 prazas e atenderase aos ámbitos asistenciais de maior demanda de efectivos, como a pediatría e a medicina de familia
  • Coa oferta deste ano, a Xunta xa terá cumprido máis da metade das 15.000 prazas comprometidas no Plan de Estabilidade ata 2020
  • A distribución das prazas en Administración Xeral e na sanidade será abordada coas organizacións sindicais, para aprobar os decretos antes de rematar o ano
  • No eido da educación, dada a súa singulariedade, as 2.050 prazas da oferta de emprego de 2018 xa foi executada e agora trabállase na do vindeiro exercicio

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2018.- A oferta de emprego público da Xunta de Galicia para o ano 2018 incluirá un total de 5.686 prazas nos ámbitos da sanidade, a educación, os servizos sociais e a Administración Xeral, o que supón un incremento do 65% respecto da oferta de emprego aprobada para o ano pasado. Ademais, esta oferta é a maior que realiza o Goberno galego desde o ano 2008, segundo os datos dun informe analizado abordado hoxe no Consello da Xunta.

Do total da oferta, 2.175 prazas correspóndense co ámbito da Administración Xeral e permitirán reforzar eidos prioritarios coma os servizos sociais, a loita contra a fraude fiscal, o asesoramento xurídico ou os servizos xerais e de administración, así como estabilizar o emprego temporal. Outras 1.461 prazas ofertaranse na sanidade pública e servirán para atender ámbitos asistenciais tamén prioritarios, apostando pola atención primaria en áreas como a pediatría ou a medicina de familia, mentres que as 2.050 prazas restantes correspóndense co eido da educación e xa foron executadas.

A distribución das prazas na Administración Xeral e no Servizo Galego de Saúde será abordada coas organizacións sindicais nos vindeiros días, co obxectivo de aprobar os correspondentes decretos de ofertas de emprego público antes de que remate o ano. En canto á educación, dada a súa singulariedade –por cuestións operativas os exames teñen que realizarse unha vez rematado o curso escolar– a oferta de emprego para 2018 xa foi executada, e agora trabállase na do vindeiro exercicio.

O incremento de prazas nesta oferta de emprego é froito da recuperación económica e tamén dos acordos xa acadados coas organizacións sindicais, e teñen un dobre obxectivo: garantir a posibilidade de que calquera persoa que cumpra os requisitos poida opositar para traballar na Xunta, e garantir tamén o dereito á promoción profesional dos empregados públicos que xa traballan na Administración galega.

Coa oferta de emprego público que se aprobará este ano, a Xunta de Galicia terá ofertado xa máis da metade das 15.000 prazas comprometidas no Plan de estabilidade no emprego público para o período 2017-2020, asinado entre a Administración autonómica e as organizacións sindicais.

Prazas en centros administrativos e servizos sociais
Na Administración Xeral, a oferta triplica a do ano pasado e estará integrada por 2.175 prazas, cunha reserva para persoas con discapacidade superior ao que establece a lexislación. Da cantidade total de prazas, 1.448 serán de acceso libre e teñen como obxectivo reforzar servizos públicos de carácter prioritario para a Comunidade Autónoma.

Nas prazas de acceso libre, unha parte correspóndese co proceso de estabilización do emprego temporal, cumprindo os acordos existentes sobre o Plan de estabilidade no emprego dos servizos públicos, asinado coas organizacións sindicais CC.OO., UGT e CSIF.

O obxectivo da Xunta no eido da Administración Xeral é situar a taxa de cobertura temporal no 7%, un obxectivo máis ambicioso que no conxunto do Estado. Os procesos de consolidación e estabilización que se convoquen se farán polo sistema de concurso-oposición a través dos correspondentes procesos selectivos que deberán garantir, en todo caso, a aplicación dos principios constitucionais de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, así como respectar a libre concorrencia.

Ás prazas de acceso libre súmanse outras 150 prazas para a promoción interna de persoal funcionario e, como novidade este ano, inclúense 577 prazas para o proceso de funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo. Hai que ter en conta que este será o primeiro proceso global de funcionarización que desenvolve a Administración galega en toda a súa historia, un proceso previsto na Lei de Emprego Público e que foi pactado entre a Administración e os sindicatos en varios acordos.

Sanidade pública
A oferta de emprego do Servizo Galego de Saúde para 2018 incluirá 1.461 prazas para a súa cobertura no sistema sanitario público de Galicia. Deste xeito, serán case 7.000 os profesionais que se incorporarán ás institucións sanitarias do Sistema Público de Galicia cun emprego fixo desde o ano 2009.

Esta oferta dará resposta ás necesidades asistenciais e organizativas identificadas como prioritarias polo Servizo Galego de Saúde, con especial atención aos ámbitos asistenciais cunha maior demanda de efectivos, como a medicina de familia e pediatría, e aqueloutras categorías que rexistran unha maior necesidade de estabilización dos seus cadros de persoal, co fin de acadar no ano 2020 o compromiso asinado coas organizacións sindicais e xa iniciado co Decreto de oferta de 2017, que sitúa a taxa de temporalidade na porcentaxe do 5%, tres puntos por debaixo do acordado a nivel estatal.

Así, está prevista a convocatoria de 512 prazas de persoal licenciado sanitario; 659 de diplomado e de formación profesional, e 229 prazas de persoal de xestión e servizos das áreas de administración e hostalería. O sistema selectivo será o de concurso-oposición e respectará os principios de libre concorrencia, igualdade, mérito e capacidade. Do total de prazas, 98 reservaranse para o seu acceso por persoas con discapacidade, e ata un 50% das prazas convocaranse para a súa provisión polo sistema de promoción interna.

A oferta de emprego público en sanidade tamén acadará a persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria (Lei 17/1989), cun total de 61 prazas, das cales 7 corresponden á taxa ordinaria de reposición de efectivos e 54 á taxa adicional para a estabilización de emprego temporal no sector da saúde pública e administración sanitaria. Entre as clases que serán obxecto de oferta destacan as de inspectores médicos, inspectores farmacéuticos ou farmacéuticos inspectores de saúde pública.

Educación
En canto ao ámbito educativo, a oferta de emprego público para 2018 contou con 2.050 prazas e incluíu prazas para mestres (705), docencia de ensino secundario (1.050), docencia de Formación Profesional (160), catedráticos de música e artes escénicas (105) e docencia de escolas de idiomas (30).

Os procesos selectivos no eido da educación pública teñen a súa singulariedade, dado que por cuestións operativas os exames teñen que realizarse unha vez rematado o curso escolar e antes de que comece o seguinte curso. É por iso que a oferta de emprego para 2018 xa foi executada con normalidade durante o verán, e agora a Administración galega xa traballa na oferta de emprego para o vindeiro exercicio.