Volver ao contido

Notas de prensa

A Oficina Virtual Tributaria da Xunta permitiu aforrar a cidadáns e empresas máis de 30 millóns de euros en 2014

A Oficina Virtual Tributaria da Xunta permitiu aforrar a cidadáns e empresas máis de 30 millóns de euros en 2014

  • O sistema telemático da Axencia Tributaria de Galicia recibiu o pasado ano máis de 2.000 accesos diarios a través da páxina web, un 11% máis que en 2013
  • Case dúas de cada tres autoliquidacións dos impostos xestionados pola Xunta preséntanse xa por internet
  • O 100% dos impostos xestionados pola ATRIGA poden presentarse por vía telemática as 24 horas do día os 365 días do ano
  • Dende 2009 tramitáronse 1,3 millóns  de autoliquidacións a través da Oficina Virtual, o que permite aforrar trámites e tempo aos contribuíntes
  • No 2014 tramitáronse por internet 333.636 valoracións de bens, o que supón un 86% máis que hai seis anos
  • O uso da administración electrónica no eido tributario reduce custos aos cidadáns, mellora a produtividade e eleva a transparencia cara ao contribuínte

 

A Oficina Virtual Tributaria (OVT) da Xunta de Galicia permitiu aforrar a cidadáns e empresas máis de 30 millóns de euros en 2014, e o aforro total dende o ano 2009 elévase a 143 millóns. Ademais, este sistema telemático serviu para mellorar a produtividade na Administración e elevar a transparencia cara o contribuínte, segundo reflicte un informe presentado hoxe no Consello da Xunta polo conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez.

 

No 2014, a Oficina Virtual Tributaria recibiu un total de 747.329 accesos, o que representa un incremento do 11,5% respecto a ano anterior e do 45,6% dende 2009. Na actualidade, esta ferramenta telemática recibe máis de 2.000 accesos ao día, o que demostra o uso cada vez maior das novas tecnoloxías na presentacións dos impostos xestionados pola Xunta.

 

De feito, o 100% dos impostos xestionados pola Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) poden presentarse xa por vía telemática, o que permite a calquera contribuínte realizar este trámite as 24 horas do día os 365 días do ano, e sempre coa máxima seguridade. Tamén se pode realizar por esta vía o pagamento de taxas, prezos, multas e sancións.

 

Segundo reflicte o informe, preto do 65% das autoliquidacións de impostos presentadas en 2014 foron a través de internet, mentres que as presentacións en papel reducíronse neste período ao 35%. Así, dúas de cada tres autoliquidacións se presentan por Internet. Dende 2009 o peso dos trámites por vía telemática medrou en case 19 puntos, do mesmo xeito que se van reducindo as presentacións por papel.

 

En total, a Oficina Virtual Tributaria da ATRIGA recibiu o pasado ano 268.081 autoliquidacións por internet, e a cifra acumulada dende 2009 é de 1,3 millóns. Ademais, cidadáns e empresas tramitaron 333.636 valoracións de bens a través desta ferramenta, un 86% máis que hai seis anos.

 

Entre os servizos públicos electrónicos que ofrece a OVT figuran a confección e impresión de modelos de autoliquidación, a declaración e pagamento telemático de tributos e outros servizos xerais, como consultas, valoracións de bens inmobles, valoración de vehículos usados, verificacións de documentos ou certificacións.

 

Outro dos eidos de actuación deste mecanismo é a emisión electrónica de certificados de débedas. Así, a través da vía telemática emítense certificados a terceiros para cumprir requisitos en solicitudes de axudas, subvencións ou contratos.

 

Galicia, pioneira na posta en marcha de servizos electrónicos

Galicia foi unha comunidade pioneira en ofrecer servizos públicos electrónicos aos cidadáns. Neste sentido, o progresivo desenvolvemento da Oficina Virtual Tributaria supón un importante aforro de tempo e de custos para a cidadanía, xa que a miúdo evita acudir presencialmente ás dependencias da Administración para realizar determinados trámites que agora se poden realizar dende o domicilio.

 

Ademais, a potenciación da vía telemática na tramitación de impostos tamén supón vantaxes para a propia Administración autonómica. Por exemplo, implica unha redución de cargas administrativas, unha maior transparencia na relación cos cidadáns, un aumento da produtividade, ou a ampliación das prestacións e mellora das relacións entre a Administración, a cidadanía e as empresas.