Volver ao contido

Notas de prensa

A primeira promoción de empregados públicos con discapacidade intelectual elixe o seu posto na Xunta

A primeira promoción de empregados públicos con discapacidade intelectual elixe o seu posto na Xunta

Ocuparán cinco prazas de ordenanza da Xunta de Galicia
O acto de elección de destino estivo presidido polo conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez que eloxiou o esforzo realizado por todos eles
Son as primeiras oposicións da historia da Xunta reservadas para persoas con discapacidade intelectual e xa están convocadas as segundas

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2018.- A primeira promoción de empregados públicos con discapacidade intelectual elixiu hoxe as súas prazas como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia. En concreto, as persoas que superaron a oposición, ocuparán cinco prazas de ordenanza na Administración autonómica. Unha vez publicado o seu nomeamento no Diario Oficial de Galicia (DOG) terán un mes para tomar posesión das prazas elixidas.

O acto de elección de destino estivo presidido polo conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, quen eloxiou o esforzo feito todos eles tanto na oposición como ao longo da súa vida profesional. "Este esforzo non acaba aquí, anímovos a seguir aprendendo, formándovos e progresando na vosa carreira profesional", apuntou.

Estas oposicións son as primeiras da historia da Xunta de Galicia que son reservadas exclusivamente a persoas con discapacidade intelectual, co obxectivo de facilitar a inserción laboral e a formación deste colectivo na Administración galega.

Como peculiaridade, foi necesaria a colaboración da Consellería de Política Social e dos órganos equivalentes doutras comunidades autónomas na valoración dos informes sobre o tipo de discapacidade das persoas aspirantes.

Nova convocatoria de prazas para este colectivo
A Xunta xa convocou o pasado mes de abril as segundas oposicións reservadas exclusivamente a persoas con discapacidade intelectual que se realizan na historia da Administración autonómica, con 24 novas prazas de emprego público. As persoas que superen este proceso selectivo pasarán a ser funcionarios da Xunta e traballarán como persoal subalterno.

Tanto a primeira como a segunda convocatoria foron programadas en colaboración coa Federación galega de asociacións a favor das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento (Fademga) e Down Galicia.