Volver ao contido

Notas de prensa

A Unión de Artesanos convoca asemblea xeral para elixir unha nova xunta directiva que consolide a viabilidade desta mutua

A Unión de Artesanos convoca asemblea xeral para elixir unha nova xunta directiva que consolide a viabilidade desta mutua

  • Terá lugar o vindeiro 6 de abril en Santiago de Compostela
  • A Xunta de Galicia exerce dende finais de 2016 a administración provisional desta entidade logo de detectar irregularidades na xestión da anterior xunta directiva
  • O obxectivo da Administración galega é que os novos xestores rachen coa xestión da anterior directiva, que obrigou á súa intervención, e manteñan a liña de actuación levada a cabo pola Xunta, que garantiu a viabilidade desta mutua
  • A Unión de Artesanos continúa presentando os seus servizos con total normalidade


Santiago, 15 de marzo de 2016.- A Xunta de Galicia, como administradora provisional da Unión de Artesanos, vén de convocar asemblea xeral desta mutualidade para elixir nova xunta directiva que substitúa á actual xunta directiva provisional, conformada por persoal funcionario da Xunta. O obxectivo da Administración galega é que nesta asemblea, que terá lugar o 6 de abril en Santiago de Compostela, os mutualistas elixan unha nova xunta directiva que consolide a viabilidade da entidade e poña fin ao actual período de transición.


O pasado ano, a Consellería de Facenda decidiu substituír de xeito provisional á xunta directiva de ‘Unión de Artesanos, Mutualidade de Previsión Social a prima fixa' logo de detectar irregularidades na xestión desta entidade por parte dos anteriores reitores. Nese momento, a Xunta nomeou a tres administradores provisionais e garantiu a viabilidade económica e a solvencia desta entidade, que opera na área de Santiago de Compostela.


A Consellería de Facenda ten asumidas as competencias de supervisión e control das mutualidades de previsión social que teñen o seu ámbito de actividades exclusivamente en Galicia. En base a esas competencias, decidiu a substitución provisional da xunta directiva da entidade, cuestión que foi comunicada persoalmente a todos os seus mutualistas.


Dende que a Administración galega asumiu a xestión, o obxectivo foi garantir a viabilidade da entidade mutualista. Unha vez conseguido isto, a prioridade foi convocar asemblea xeral para elixir a unha nova xunta directiva que rache coa xestión da anterior directiva, que obrigou á intervención da mutua, e manteña a liña de actuación levada a cabo pola Xunta, que garantiu a súa viabilidade.


A Consellería de Facenda levará a cabo todas as comprobacións que esixe a lexislación vixente coa fin de garantir que os integrantes da xunta directiva cumpran os requisitos de honorabilidade e formación requiridos, e que en todo caso os intereses que primen na súa xestión sexan a defensa dos intereses dos mutualistas e a continuidade da actividade.


A día de hoxe a viabilidade económica da mutualidade está totalmente garantida, e a entidade segue prestando os seus servizos con total normalidade. As medidas adoptadas garantiron a xestión eficiente dos intereses dos mutualistas, e non afectan ao normal funcionamento da mutua, que seguiu atendendo sen ningún tipo de incidencias nin retrasos os pagamentos aos profesionais cos que vén traballando e aos traballadores da entidade.