Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta aboará en outubro outro 25% da paga extra de 2012 e vai negociar a devolución de días adicionais por antigüidade

A Xunta aboará en outubro outro 25% da paga extra de 2012 e vai negociar a devolución de días adicionais por antigüidade

  • A Administración galega abordará cos sindicatos a devolución de días de vacacións e de libre disposición en función da antigüidade do traballador
  • O conselleiro de Facenda presentou hoxe no Parlamento a lei pola que se aproba a devolución "inmediata" doutro 25% da paga extra
  • Galicia foi a primeira comunidade en aprobar por lei esta devolución, que suporá unha media de 450 euros a preto de 125.000 traballadores
  • A Xunta aprobou o texto só seis días despois de ter a habilitación legal da Administración do Estado
  • O Goberno galego pode afrontar esta devolución porque cumpre os dous requisitos que esixe o Estado: ter dispoñibilidade orzamentaria e cumprir o déficit público

 

Santiago, 29 de setembro de 2015.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, avanzou hoxe que a Xunta aboará xa no mes de outubro outro 25% da paga extra de 2012. Ademais, o Goberno galego vai negociar coas organizacións sindicais a devolución aos empregados públicos de días adicionais por antigüidade, tanto días de vacacións como de libre disposición.

 

O titular de Facenda realizou este anuncio durante a presentación no Parlamento do proxecto de lei polo que se aproba a devolución doutro 25% da paga extra de 2012, suprimida polo Estado para todas as administracións públicas. O Goberno galego xa devolveu aos seus empregados públicos un 25% da paga neste 2015, e agora adiantará a este ano a devolución doutro 25%.

 

Na súa intervención, o conselleiro explicou que esta devolución "será inmediata" unha vez que entre en vigor a lei, de modo que os empregados públicos a recibirán xa na nómina do mes de outubro. "Non só adiantamos os prazos, senón que a devolvemos na primeira nómina que é materialmente posible", sinalou.

 

Galicia foi a primeira comunidade en aprobar por lei esta devolución, que suporá unha media de 450 euros por cada empregado público. Uns 125.000 traballadores do sector público galego percibirán esta devolución, incluído o persoal non activo ou que pasou a outras administracións. Tamén está incluído o persoal das universidades públicas e do ensino concertado. A medida terá un custo de 56 millóns de euros.

 

Ademais, a lei presentada hoxe compromete a devolución do 50% restante en 2016, o que permitirá completar no vindeiro ano a devolución da totalidade desta paga.

 

Galicia cumpre os requisitos

Valeriano Martínez explicou que o Consello da Xunta aprobou o pasado 17 de setembro a lei que fai posible esta devolución, cumprindo o seu compromiso de iniciar este procedemento no mes de setembro. De feito, o Goberno galego deu luz verde á normativa para iniciar a súa tramitación no Parlamento só seis días despois de ter a habilitación legal para facelo.

 

O conselleiro recordou que o Estado só permitirá realizar a devolución ás comunidades autónomas que cumpran dous requisitos: ter dispoñibilidade orzamentaria e cumprir o obxectivo do déficit para 2015. Así, manifestou "o máximo compromiso deste Goberno por adiantar a devolución de toda a paga extra de 2012 o antes posible", e insistiu en que a Xunta ten "vontade e capacidade" para facelo.

 

Ademais, Valeriano Martínez aproveitou para recoñecer "o esforzo realizado polos empregados públicos" para contribuír á mellora da situación económica e ao cumprimento dos compromisos adquiridos en materia de consolidación fiscal, o cal "resulta un elemento imprescindible para a saída da crise".

 

Compromiso de devolución

A paga extra de decembro 2012 foi suprimida pola Administración do Estado no marco das medidas aprobadas polo Goberno para facer fronte á crise económica. Esta supresión realizouse a través dun Real Decreto Lei de obrigado cumprimento para todas as administracións públicas. Con todo, a supresión acompañouse dun compromiso de devolución no momento en que as circunstancias económicas o permitisen.

 

Consecuencia deste compromiso, o Goberno procedeu á devolución do 25% da paga neste 2015 e a Xunta tamén fixo efectiva esta devolución este ano, a través dos Orzamentos da Xunta para 2015 e a Lei de Emprego Público de Galicia. Precisamente, a Xunta xa incluíu nesta lei a creación dun fondo retributivo para a recuperación das retribucións dos empregados públicos. Este fondo irase dotando orzamentariamente cada ano e permitirá a devolución do 100% da paga extra de 2012.