Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta acorda co CSIC o traslado de dúas instalacións científicas ao futuro Campus do Mar de Vigo, na antiga ETEA

A Xunta acorda co CSIC o traslado de dúas instalacións científicas ao futuro Campus do Mar de Vigo, na antiga ETEA

  • O organismo científico resituará nestes terreos o seu Instituto de Investigacións Mariñas e tamén a Unidade de Tecnoloxía Mariña
  • A Administración galega cederalle unha parcela de máis de 16.000 metros cadrados para que a axencia estatal desenvolva esta actuación
  • Este acordo únese aos convenios xa asinados coa Universidade de Vigo e co Consorcio da Zona Franca para poñer en marcha o Campus do Mar
  • A Xunta ten comprometidos cinco millóns de euros para un proxecto que situará Galicia á vangarda da investigación mariña

 

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2017.- O Consello da Xunta autorizou á cesión ao Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) dunha parcela nos terreos da antiga ETEA, en Vigo, para que este organismo estatal traslade dúas das súas instalacións científicas que na actualidade están ubicadas na cidade. O acordo acadado entre ambas partes permitirá ao CSIC ubicarse no futuro Campus do Mar nunha parcela de máis de 16.000 metros cadrados.

 

Así, a Xunta porá a disposición do CSIC a parcela PS-2 da ETEA, que se terá que destinar a actividades propias do organismo.

 

Na solicitude de cesión o CSIC fai constar a súa intención de trasladar dúas das súas instalacións aos terreos da antiga ETEA, no barrio de Teis: o Instituto de Investigacións Mariñas, creado en 1951 e que ocupa a súa actual sede no barrio de Bouzas, e a Unidade de Tecnoloxía Mariña-Sede Atlántica do CSIC, situada tamén na cidade de Vigo.

 

No primeiro caso, o Instituto de Investigacións Mariñas é un organismo propio do CSIC que ten por obxecto o desenvolvemento dunha investigación integrada e multidisciplinar en ciencias mariñas, así como a formación de persoal investigador, a contribución á ensinanza da ciencia e a transferencia de coñecementos científicos e de tecnoloxía á industria. En canto á Unidade de Tecnoloxía Mariña, encárgase da xestión loxística e tecnolóxica de tres instalacións científico-técnicas singulares. O obxectivo fundamental desta unidade é ofrecer á comunidade científica a instrumentación e os servizos tecnolóxicos necesarios para que os proxectos que apoia utilicen as tecnoloxías máis innovadoras.

 

O CSIC considera que a parcela situada nos terreos da antiga ETEA é a ubicación máis adecuada por constituír un espazo de calidade, próximo ao mar e con zona de atraque para buques. Ademais, tamén ten en conta que o Campus do Mar agrupará a entidades académicas e de investigación e innovación na área mariña.

 

O Campus do Mar, xa en marcha

Este acordo únese aos convenios xa asinados pola Xunta de Galicia con Zona Franca e a Universidade de Vigo para poñer en marcha o Campus do Mar na antiga ETEA, co obxectivo de internacionalizar a institución académica viguesa e facer de Galicia un referente na investigación no ámbito do mar e a eólica mariña.

 

Por unha parte, a Xunta asinou xa un convenio de colaboración co Consorcio da Zona Franca de Vigo para o desenvolvemento do Campus do Mar. A través deste acordo, a Xunta reverteu á Zona Franca as parcelas 3A e 3B, que se corresponden coa área científico tecnolóxica, para que a Universidade de Vigo proceda ao seu desenvolvemento. A Xunta comprométese a tramitar e aprobar o proxecto ou proxectos sectoriais necesarios para desenvolver as actuacións do Campus do Mar, e tamén a executar as obras de urbanización e garantir os servizos urbanísticos necesarios para que o Campus poida ser inaugurado.

 

A primeira das parcelas destinarase a espazo para a sede corporativa do Campus do Mar, acelerador de empresas (Emprendemar) e centro de innovación gastronómico do Campus do Mar. A segunda das parcelas, baixo o liderado da Universidade de Vigo, albergará actividades relacionadas coas tecnoloxías avanzadas mariñas. A Xunta prevé destinar uns cinco millóns aos distintos proxectos que afectan ao desenvolvemento do Campus do Mar.

 

Ademais, a Administración galega tamén asinou hai unhas semanas outro convenio coa Universidade de Vigo para o financiamento dos traballos previos á rehabilitación do edificio Faraday, situado tamén nos terreos da antiga ETEA. A Administración galega destinará este ano máis de 243.000 euros para iniciar a rehabilitación deste inmoble, que acollerá a sede institucional do Campus do Mar.