Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta acorda cos sindicatos CIG e CC.OO. axilizar a contratación de persoal temporal para realizar substitucións

A Xunta acorda cos sindicatos CIG e CC.OO. axilizar a contratación de persoal temporal para realizar substitucións

  • A Administración galega poderá empregar as listas de contratación de funcionarios interinos para cubrir postos de persoal laboral temporal e para as substitucións por xubilacións parciais
  • Ata agora a Xunta non podía empregar estas listas porque a normativa vixente non o permitía e tiña que acudir ao Servizo Público de Emprego
  • Grazas a este acordo contratarase con máis axilidade, realizaranse máis substitucións e as persoas apuntadas nas listas de contratación terán máis oportunidades de traballar na Xunta

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2018.-  A Xunta de Galicia vén de acordar coas organizacións sindicais CIG e CC.OO. para axilizar a contratación de persoal temporal que realiza substitucións na Administración galega. Así, a Dirección Xeral da Función Pública –dependente da Consellería de Facenda- poderá utilizar as listas de funcionarios interinos para a contratación temporal de persoal laboral.

Ata o de agora, a Xunta non podía utilizar estas listas de contratación de persoal funcionario interino para realizar substitucións de persoal laboral temporal porque a normativa vixente non o permitía, o cal demoraba os procesos de contratación nas distintas consellerías. Hai que ter en conta que a bolsa de emprego temporal da Xunta de Galicia conta actualmente cunhas 130.000 inscricións, que abarcan as distintas áreas de actuación da Administración.

Neste sentido, seguíase o estipulado no convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta. Nel establécese que de non existir ou estar esgotadas as listas para a cobertura de postos de traballo de persoal laboral temporal, a Administración debe solicitar á oficina pública do Servizo Público de Emprego un mínimo de tres traballadores ou traballadoras en situación de desemprego por cada unhas das vacantes que se pretende cubrir. Este procedemento de cobertura demoraba os prazos necesarios para a provisión temporal de determinados postos de traballo para os que a necesidade de provisión era urxente.

O acordo acadado afecta tamén ás remudas por xubilacións parciais nas que a persoa xubilada ocupa un posto de traballo de persoal funcionario, xa que a Xunta poderá acudir ás listas elaboradas para o nomeamento de funcionarios interinos do corpo, escala e/ou especialidade correspondente co perfil do posto de traballo.
 
Este acordo axiliza os trámites para a provisión de postos de traballo no suposto de non existir listas elaboradas para a cobertura de postos de persoal laboral ou de estar esgotadas. Deste xeito, increméntanse o número de substitucións realizadas, contrátase con máis axilidade e xéranse máis oportunidades de traballo para todas aquelas persoas interesadas en traballar na Administración Autonómica galega.