Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta aforrará 65 millóns de euros ao beneficiarse do fondo de financiamento para comunidades que cumpren o déficit

A Xunta aforrará 65 millóns de euros ao beneficiarse do fondo de financiamento para comunidades que cumpren o déficit

  • O Consello da Xunta aproba o acordo que completa a adhesión a este fondo
  • Só beneficia a Galicia e Canarias por ser as únicas que cumpriron o déficit en 2015
  • Galicia recibe financiamento a custo 0 e sen pagar comisións nin gastos adicionais
  • En global, a Administración galega poderá acceder neste 2016 a un importe máximo de 1.670 millóns de euros, a meirande parte para amortizacións
  • Galicia é a comunidade de referencia no control do seu endebedamento e a que menos elevou o seu volume de débeda dende finais de 2008

 

Santiago, 13 de outubro de 2016.- A Xunta de Galicia aforrará 65 millóns de euros ao beneficiarse neste 2016 do Fondo de Facilidade Financeira, o mecanismo de financiamento habilitado pola Administración do Estado para aquelas comunidades autónomas que cumpren os obxectivos de déficit. É por isto que este ano só dúas comunidades (Galicia e Canarias) poden adherirse a este fondo.

 

O Consello da Xunta aprobou hoxe o acordo de adhesión ao Fondo de Facilidade Financeira correspondente ao cuarto trimestre de 2016, que completa a adhesión da Xunta de Galicia a este fondo para o conxunto do exercicio.

 

Galicia pechou o exercicio 2015 cun déficit do 0,68%, por debaixo do límite do 0,7% fixado polo Consello de Política Fiscal e Financeira para todas as comunidades autónomas. Grazas a cumprir obxectivo de estabilidade orzamentaria, a Xunta pode acceder a un financiamento en condicións moi vantaxosas, xa que recibe este financiamento a custo 0 e sen pagar ningún tipo de comisión nin gastos adicionais.

 

En global, a Administración galega poderá acceder neste 2016 a un importe máximo de 1.670 millóns de euros, cun tipo de xuro do 0% ata 2019. O prazo da operación é de dez anos e a meirande parte deste importe destinarase a amortizacións de débeda. Tal como establece a normativa estatal, a Xunta terá dereito en todo momento a amortizar anticipadamente o préstamo e resolver a operación sen ningún tipo de custo adicional.

 

Galicia cumpre os requisitos

O Ministerio de Hacienda esixe ás comunidades autónomas dous requisitos principais para poder acceder ao Fondo de Facilidade Financeira, que ofrece unha condicións de financiamento máis vantaxosas que os mercados financeiros. O primeiro requisito é cumprir os obxectivos de déficit e de débeda do ano anterior, algo que Galicia fixo ao pechar 2015 cun déficit do 0,68%. De feito, Galicia mantense como a comunidade de referencia neste eido e a que menos recorreu ao endebedamento dende finais de 2008.

 

O segundo requisito é cumprir o prazo máximo de pago aos provedores, algo que Galicia tamén está a cumprir con normalidade. Así, o tempo medio de pago en Galicia mantense no entorno dos 15 días, case un mes menos que a media autonómica.