Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta aposta por un sistema de financiamento baseado na suficiencia e a igualdade, e insta a acadar un amplo consenso político que reforce a posición de Galicia

A Xunta aposta por un sistema de financiamento baseado na suficiencia e a igualdade, e insta a acadar un amplo consenso político que reforce a posición de Galicia

  • O director xeral de Planificación e Orzamentos informou no Parlamento da posición de Galicia diante do proceso de revisión do sistema vixente
  • Miguel Corgos lembrou que o actual modelo, aprobado en 2009, non é satisfactorio e non cumpriu os obxectivos establecidos cando se puxo en marcha
  • Resaltou que a situación de solvencia das finanzas galegas permite "negociar sen ansiedade, esperando o intre axeitado para a mellor defensa dos seus intereses"
  • Destacou os "importantes puntos de acordo" entre Galicia e outras comunidades con poboación avellentada

 

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2018.- A Xunta de Galicia aposta por un modelo de financiamento autonómico que garanta os principios de suficiencia e de igualdade a todas as comunidades, segundo informou hoxe o director xeral de Planificación e Orzamentos, Miguel Corgos, que instou a acadar un amplo consenso político para reforzar a posición de Galicia diante deste proceso.

 

O director xeral, que compareceu en comisión parlamentaria para informar sobre a posición de Galicia diante da revisión do actual modelo aprobado en 2009, lembrou que o actual sistema non é satisfactorio e non cumpriu os seus obxectivos, e de feito a Xunta sempre mostrou a súa desconformidade con algúns dos seus elementos nucleares. Como exemplos citou a nivelación parcial, a evolución dinámica que prexudica ás comunidades que perden poboación ou a infraponderación da dispersión e do avellentamento na poboación axustada.

 

Miguel Corgos informou de que Galicia vén traballando con normalidade dentro do grupo de traballo que analiza a aplicación do actual sistema, constituído en xaneiro de 2014. Logo do informe elaborado polo comité de expertos, neste momento estanse a  realizar debates quincenais por áreas nos que participan as comunidades e o Goberno do Estado.

 

Respecto da posición de Galicia, o director xeral incidiu en que o sistema de financiamento ten que acadar unha igualación plena entre as necesidades dos cidadáns de cada comunidade autónoma e os recursos asignados a cada unha delas. "Os cidadáns teñen idénticos dereitos con independencia do seu lugar de residencia, polo cal o modelo no seu conxunto debe garantir a cobertura do total dos servizos públicos a financiar", sinalou.

 

Ademais, detallou as propostas que defende Galicia respecto das variables moduladoras da poboación indicativas das necesidades de gasto. Corgos insistiu na importancia de incorporar novos tramos de idade no gasto sanitario ou de ponderar o impacto económico da dispersión no eido educativo, que fai que –por exemplo- Galicia soporte o 22% do gasto en transporte escolar pese a contar só cun 5% dos usuarios de educación non universitaria.

 

Tamén defendeu a creación de máis dun grupo de idade no eido da dependencia, toda vez que os datos do sistema de atención á dependencia acreditan a concentración de usuarios e a intensidade dos servizos e prestacións que se precisan de forma crecente dende os 65 anos.

 

Fortalezas

Miguel Corgos tamén citou algunhas das fortalezas que ten Galicia diante deste proceso. Entre elas, destacou que a situación de solvencia das finanzas galegas permite "negociar sen ansiedade, esperando o intre axeitado para a mellor defensa dos seus intereses", e sinalou que a propia idea de insolidariedade "resulta difícil de entender".

 

Neste sentido, o representante da Xunta destacou os "importantes puntos de acordo" que xa existen neste momento entre Galicia e outras comunidades con poboación avellentada. Tamén incidiu en que a proposta de Galicia entronca coa filosofía do anterior sistema "superándoo para mellor".