Volver ao contido

Notas de prensa

« Atrás

A Xunta aproba a retrocesión á Seguridade Social do edificio que albergará a nova Oficina de Formación e Emprego de Lugo

A Xunta aproba a retrocesión á Seguridade Social do edificio que albergará a nova Oficina de Formación e Emprego de Lugo

  • O edificio é un dos que compoñen o Novo Barrio da Residencia, que transformará o complexo do antigo Hospital Xeral de Lugo
  • A Xunta xa licitou en febreiro o proxecto básico e de execución da obra

O Consello da Xunta autorizou hoxe a retrocesión á Tesourería Xeral da Seguridade Social do edificio que albergará a nova oficina de formación e emprego de Lugo. O inmoble forma parte do Novo Barrio da Residencia, que permitirá darlle novos usos sociosanitarios ao complexo do antigo Hospital Xeral da capital lucense.

Este edificio no que se ubicará a nova oficina de formación e emprego foi construído en 1973 e na actualidade alberga un pavillón administrativo. Dado que o inmoble foi transferido á Xunta para usos sanitarios, é preciso realizar a súa retrocesión á Seguridade Social e posteriormente solicitar un novo título de ocupación, para poder ubicar alí a nova oficina de emprego e formación.

Ao mesmo tempo, a Xunta de Galicia xa licitou o pasado mes de febreiro o proxecto básico e de execución da obra. A esta licitación, que conta cun orzamento de 56.842,90 euros (IVE engadido), presentáronse once empresas e a súa adxudicación realizarase en breve.

Rehabilitación integral
A Administración galega realizará neste inmoble unha importante rehabilitación, dado que este inmoble foi construído hai 45 anos e ao longo do tempo sufriu varias reformas interiores, pero en ningún momento se realizaron actuacións máis aló do acondicionamento interior. Nesta instalación integraranse as dúas oficinas de emprego que hai na cidade, o que permitirá un importante aforro anual en alugueiros, xa que estes servizos pasarán a ofrecerse nun único inmoble propiedade da Comunidade Autónoma.

O edificio conta con cinco plantas (baixa, primeira, segunda, terceira e semisoto). Nas catro plantas ubicaranse os servizos de emprego e formación, mentres que no semisoto estarán os servizos comúns e unha sala de conferencias. A rehabilitación realizarase sempre respectando as especificacións que establece o grao de protección que lle outorga a planificación urbanística da cidade de Lugo.

Esta actuación súmase aos pasos xa dados para o Novo Centro Integral de Saúde, o primeiro que se porá en marcha en Galicia. O Goberno galego dá así un importante paso no impulso do Novo Barrio da Residencia, un proxecto clave para a cidade de Lugo que ten como obxectivo a transformación integral do antigo complexo sanitario, dotándoo de novos usos para a cidadanía, ao tempo que se logra eliminar barreiras e conectar o barrio da Residencia co centro da cidade.