Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta aproba un Orzamento para 2017 de 9.063 millóns de euros co obxectivo de reforzar o gasto social, impulsar os investimentos e consolidar o crecemento san

A Xunta aproba un Orzamento para 2017 de 9.063 millóns de euros co obxectivo de reforzar o gasto social, impulsar os investimentos e consolidar o crecemento san

  • Os Orzamentos medran un 2,9%, esgotan o teito de gasto e superan os 9.000 millóns por primeira vez dende o ano 2011
  • Consolídase a maior rebaixa fiscal da historia da Autonomía e inclúense novas baixadas selectivas de impostos
  • O gasto social increméntase en 229 millóns de euros, cun aumento de máis de 160 millóns en sanidade e educación
  • O investimento medra un 4%, por riba da media e o gasto da débeda baixa un 13%
  • Elimínanse os impostos para os mozos, familias numerosas e discapacitados que merquen unha vivenda para vivir no rural
  • A Xunta vai reanudar en 2017 o complemento específico nas pagas extras dos empregados públicos, un ano antes do previsto
  • O Goberno galego prevé que a economía galega medre entorno ao 2,5% e que a taxa de desemprego baixará dous puntos, ata o 15,6%

 

O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade autónoma para o 2017, que establece un gasto de 9.063 millóns de euros, o que supón esgotar o teito de gasto aprobado polo Parlamento galego. A Xunta incrementa así o seu gasto en 259 millóns respecto ao ano anterior, aos que se suman preto de 40 millóns máis de capacidade pola baixada dos xuros da débeda, o que permitirá reforzar o gasto social, impulsar os investimentos e consolidar o crecemento san.

 

Os orzamentos do vindeiro ano conforman os segundos presupostos expansivos consecutivos posto que Galicia contará cun aumento de gasto do 2,9% superior ao gasto previsto nos orzamentos vixentes, de xeito que a Comunidade Autónoma superará o límite dos 9.000 millóns por primeira vez desde o ano 2011. A Xunta destinará o vindeiro ano 9.045 millóns en gasto non financeiro e outros 18 millóns en instrumentos financeiros para pemes e para potenciar a I+D.

 

O pago de xuros de débeda baixa un 13%, o que supón un aforro para a Xunta de 36,3 millóns respecto a 2016 e de case 120 millóns de euros nos últimos tres anos. Neste sentido, o obxectivo do Executivo galego é seguir reducindo a ratio débeda/PIB no 2017 ata situala no entorno do 18,8%, polo que Galicia continuará entre as comunidades con menor enedebedamento de España.

 

Máis investimentos e competitividade

Os Orzamentos para 2017 inclúen un reforzo do capítulo investidor, que medra case un 4% por riba do presuposto. No 2017 a Xunta dedicará 1.472 millóns de euros a gastos de capital, 54 millóns máis que este ano para que Galicia siga sendo a comunidade autónoma que máis recursos dedica ao esforzo investidor.

 

Ademais, o orzamento do vindeiro ano volverá priorizar a aposta pola competitividade e a innovación. Así, reforzaranse os recursos para I+D+i con case 90 millóns de euros; destinaranse case 20 millóns á aposta polos instrumentos financeiros innovadores, mentres que as partidas destinadas á modernización e á internacionalización das empresas medrarán máis dun 11%.

 

Sanidade e educación

No eido sanitario, a Xunta disporá de 100 millóns máis que permitirán reforzar unha sanidade pública e de calidade. Destacan os 20 millóns destinados aos plans directores de A Coruña, Ourense e o Hospital da Costa ou Arquitecto Marcide; ou a partida de 5 millóns de euros para a nova facultade de Medicina.

 

En canto ao ámbito educativo, incorporaranse 200 profesores máis para o desdobramento de 3º e 4º da ESO, mentres que a dotación para infraestruturas educativas medra en 6 millóns; e as partidas para transporte, comedores escolares e adquisición de material escolar contará con 4 millóns máis.

 

Gasto social e emprego continúan como prioridades

Unha das prioridades da Xunta no 2017 seguirá sendo o gasto social, que se incrementa en 229 millóns de euros, dos que 165 irán destinados a sanidade e educación. Isto permitirá seguir dedicando case 8 de cada 10 euros a gasto social.

 

De igual forma mantense o impulso ás políticas sociais para chegar a máis galegos e sobre todo aos que máis o necesitan. Destinaranse ata 161 millóns de euros ao programa de prestacións ás familias, un 40% máis que no 2015. Medran tamén un 4,3% os recursos para atender á dependencia, máis que a media do Orzamentos ata superar os 338 millóns. Ademais, elévase en 5 millóns a partida destinada á Renda de Integración Social (RISGA); e un 1,3 millóns de euros os recursos para as vítimas de violencia de xénero.

 

Tamén entre as prioridades da Xunta seguirá estando a creación de emprego e a mellora do mercado laboral galego. Para iso, o Goberno galego reforzará as principais partidas relacionadas co emprego co obxectivo de crear ata 20.000 postos de traballo o vindeiro ano. Dedicaranse 12,6 millóns para información, orientación e busca de emprego e aumentan máis dun 12% os recursos para a formación de persoas desempregadas ata os 80 millóns.

 

Sector primario: o rural como prioridade

Durante a súa intervención, o conselleiro de Facenda sinalou que o compromiso da Xunta é que esta lexislatura sexa a do medio rural, para o que se incrementan nun 21% os recursos para infraestruturas relacionadas co desenvolvemento e adaptación da agricultura e silvicultura, ata chegar aos 27 millóns. Aumentan en case 7 millóns de euros as partidas para procesado, comercio e desenvolvemento de produtos agrícolas para o que se destinarán 21 millóns de euros.

 

E tamén se inclúe un pulo aos sectores produtivos dentro do sector marítimo, 15 millóns para transformación dos produtos da pesca; 24 para o fomento e modernización da acuicultura; e 2,7 millóns para a mellora das zonas de produción.

 

Consolidación e novas rebaixas selectiva de impostos

Ademais do proxecto de Lei de Orzamentos para 2017, o Goberno galego tamén aprobou o proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, no que se inclúen novas baixadas selectivas de impostos e se consolidan as xa aprobadas no vixente exercicio no IRPF –que beneficia ao 98,5% dos contribuíntes-, no Imposto sobre Sucesións -que supón que o 99% dos galegos non pagan este imposto cando reciben unha herdanza duna familiar directo- e no programa de impostos cero no rural, que beneficiarán este ano a uns 68.000 galegos.

 

A isto engádense as novas rebaixas selectivas de impostos que o Goberno galego vai levar a cabo no medio rural. Así, vanse eliminar os impostos para os mozos, familias numerosas e discapacitados que merquen unha vivenda para vivir nunha área rural. É dicir, eliminaranse os impostos para estes colectivos no 87% do territorio galego, co obxectivo de fixar poboación no medio rural e dinamizar as zonas menos poboadas. Ademais, no 2017 levarase a cabo un plan de loita contra a fraude fiscal para ingresar arredor de 20 millóns.

 

Empregados públicos

No vindeiro ano a Xunta vai reanudar o complemento específico nas pagas extras dos empregados públicos. O Executivo autonómico cumpre así o seu compromiso acordado coas organizacións sindicais; e adiántase un ano á previsión inicial que era facelo no ano 2018. Neste contexto, o titular de Facenda explicou que con esta medida quedan cancelados os axustes salariais autonómicos de carácter xeral.

 

O Goberno autonómico incrementará en 2017 o esforzo no financiamento da Administración local ata acadar os 120 millóns de euros a través do Fondo de Cooperación Local, 4 millóns máis que no exercicio vixente. En canto ás universidades, a Xunta vai manter e reforzar o seu compromiso e o vindeiro ano destinaranse 404 millóns, 12 máis que neste ano.

 

Previsións macroeconómicas

O proxecto de Lei de Orzamentos para 2017 chega nun momento de consolidación económica xa que o crecemento do PIB galego é o mellor dos últimos 8 anos, tanto en taxa intertrimestral cun avance do 0,9% no terceiro trimestre do ano; como en taxa interanual cun crecemento do 3,3%. A previsión da Xunta é acadar no 2017 un crecemento do PIB galego próximo ao 2,5% o que significará que Galicia encadeará catro anos consecutivos con taxas positivas de crecemento. Isto producirase polo mellor comportamento da economía galega no último trimestre do ano e polas previsións de mellora da economía española.

 

Con respecto á taxa de desemprego seguirá baixando ata o 15,6%, dous puntos menos que o ano anterior e tamén 2,2 puntos inferior á media española. Esta cadro macroeconómico é coherente coa senda do Plan Estratéxico de Galicia, e con estas estimacións a media de incremento do PIB no período 2016-2017 estará no 2,8%, tres décimas superior ao previsto no Plan Estratéxico de Galicia.

 

Logo da súa aprobación hoxe no Consello da Xunta, o proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade autónoma para o 2017 será remitido á Cámara galega para a súa tramitación parlamentaria, ao igual que o proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas.