Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta aumentou o seu cadro de persoal con 763 empregados públicos máis no último ano, ata chegar aos 87.262 efectivos

A Xunta aumentou o seu cadro de persoal con 763 empregados públicos máis no último ano, ata chegar aos 87.262 efectivos

  • O número de traballadores medra nos servizos sanitarios, a educación e a xustiza

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2017.- O número de empregados públicos da Xunta de Galicia situouse en 87.262 efectivos a data 1 de xaneiro de 2017, o que supón un incremento de 763 traballadores na Administración autonómica respecto ao 1 de xaneiro de 2016. Este aumento de empregados públicos na Xunta produciuse nos eidos da sanidade, a educación e a xustiza.

En concreto, a cifra de efectivos públicos no eido sanitario aumentou ata os 34.568 traballadores, fronte aos 34.057 efectivos contabilizados a 1 de xaneiro de 2016. Isto supón un incremento de 511 traballadores na sanidade pública galega no último ano, a meirande parte deles persoal sanitario.

No eido da docencia non universitaria, o número empregados públicos da Xunta medrou tamén ata os 34.024 efectivos, o que representa un aumento de 61 traballadores en comparación con xaneiro do ano pasado. Esta cifra non coincide coa incluída polo Ministerio de Facenda no Boletín estatístico do rexistro central de persoal correspondente ao 1 de xaneiro de 2017, que se publicará esta semana.

Isto débese á adaptación de Galicia neste 2017 á normativa estatal, que exclúe deste cómputo aos funcionarios docentes en período de prácticas, situación na que se atopan os ensinantes que aproban a oposición e que exercen no seu primeiro curso escolar.  

Non obstante, a Xunta de Galicia si computa nos seus rexistros estatísticos este persoal docente –neste 2017 son 994 docentes en prácticas–, dado que son funcionarios de carreira que superaron unha oposición e que realizan o correspondente período de prácticas retribuídas dun ano que establece a lexislación do Estado.

En canto ao ámbito das consellerías e da xustiza, o número de efectivos a 1 de xaneiro de 2017 sitúase en 15.902 e 2.768 efectivos, respectivamente. No primeiro caso supón un descenso de 42 efectivos sobre o 1 de xaneiro de 2016, mentres que na xustiza o plantel de persoal aumentou en 233 persoas no último ano.

 

 

 

Xaneiro 2016

Xaneiro 2017

Diferencia 2016/17

Sanidade

34.057

34.568

+511

Educación

33.963

34.024

+61

Consellerías

15.944

15.902

-42

Xustiza

2.535

2.768

+233

TOTAL

86.499

87.262

+763