Volver ao contido

Notas de prensa

« Atrás

A Xunta baixará a 10 días o período medio de pago a provedores e impulsará a facturación electrónica, que xa é o 80% do total

A Xunta baixará a 10 días o período medio de pago a provedores e impulsará a facturación electrónica, que xa é o 80% do total

  • Galicia é a terceira comunidade que mellor paga, pero a Xunta quere axilizar aínda máis os pagamentos para beneficiar aos seus 17.600 provedores
  • A Xunta en 2016 pagou 609.000 facturas por máis de 3.000 millóns de euros, polo que é a maior prestadora de servizos de Galicia
  • A utilización da facturación electrónica medrou un 111% o pasado ano
  • A través do ‘Pago 10', o Goberno galego márcase como obxectivo baixar o tempo medio de pagamento á metade
  • Para logralo, a Xunta axilizará a tramitación interna das facturas, introducirá un sistema de alertas e simplificará os informes de seguimento

 

(Santiago, 16 de febreiro de 2017).- Preto do 80% das facturas que paga a Xunta de Galicia son facturas electrónicas, un sistema no que Galicia vén sendo pioneira no conxunto de España dende o ano 2010. O Goberno galego aspira a seguir mellorando este proceso nos vindeiros anos, co obxectivo de reducir o período medio de pago ao entorno dos 10 días e consolidarse entre as comunidades que mellor atenden aos seus provedores, segundo consta nun informe presentado hoxe no Consello polo conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez.

 

Na actualidade, Galicia é a terceira comunidade de réxime común que paga con máis axilidade aos seus provedores e o período medio de pago no ano 2016 baixou aos 21 días. Isto permite atender con normalidade aos 17.600 provedores da Administración autonómica, que o ano pasado pagou máis de 609.000 facturas por un importe de 3.054 millóns de euros. Esta cifra sitúa á Xunta na maior prestadora de servizos da Comunidade Autónoma.

 

Galicia foi pioneira na modernización do sistema de facturación a través da implantación da facturación electrónica. Este sistema, que evita que o provedor teña que enviar a factura por papel, serviu para reducir notablemente o período de tramitación ao tempo que dota de maior información e seguridade a todo o proceso, dende que a Administración recibe a factura ata que se realiza o pagamento.

 

En 2016, o 78% das facturas que pagou a Xunta de Galicia –un total de 475.694- correspóndense a facturas electrónicas. Isto supón un crecemento do 111% respecto ao ano anterior, no que as facturas electrónicas foran 225.750. Estes datos confirman ademais que a utilización do formato papel na facturación que recibe e tramita a Administración galega é cada vez menor.

 

De feito, o número de provedores da Xunta que están rexistrados no sistema de facturación electrónica multiplicouse por 8 dende o ano 2010, pasando dos 2.196 aos 17.618 actuais. Só no último ano este incremento foi de case o 30%.

 

Máis axilidade: o ‘Pago 10'

Galicia mantense entre as comunidades que mellor pagan aos seus provedores, pero o Goberno galego quere seguir reducindo o seu tempo medio de pago. Para iso, porá en marcha o ‘Pago 10' co obxectivo de reducir o período medio de pagamento aos 10 días, a metade que na actualidade.

 

Mellorar os tempos de pagamento beneficiará aos provedores da Administración, xa que por exemplo permitirá reducir as cargas financeiras das empresas e autónomos que prestan servizo á Xunta de Galicia.

 

Para iso, a Administración autonómica introducirá melloras no sistema como a axilización da tramitación interna das facturas, a posta en marcha dun sistema de alertas, o rexeitamento inmediato das facturas incorrectas ou a simplificación dos informes de seguimento.