Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta completa mañá as probas físicas das oposicións para cubrir 20 prazas de axentes do servizo de gardacostas

A Xunta completa mañá as probas físicas das oposicións para cubrir 20 prazas de axentes do servizo de gardacostas

  • Desenvolverase no Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra
  • Os futuros axentes terán entre as súas funcións custodiar, protexer, vixiar e defender os recursos mariños de Galicia e controlar o seu aproveitamento

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2017.- A Xunta de Galicia completará mañá as probas físicas das oposicións para a cobertura de 20 prazas de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia. A derradeira destas probas será a de natación e desenvolverase este sábado nas instalacións do centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.

As tres probas de aptitude física conforman o segundo exercicio destas oposicións, e comezaron a celebrarse o pasado 14 de novembro. Ata o momento tiveron lugar a carreira e a subida por unha escada de vento, mentres que mañá tócalle a quenda á de natación. Á primeira destas probas físicas foron convocadas as 111 persoas que resultaron aptas no primeiro exercicio do proceso selectivo.

Para a realización das probas de aptitude física cóntase coa participación da Federación Galega de Montañismo, Atletismo e Natación, cuxos técnicos colaboran tanto na parte organizativa como na parte técnica de cada unha delas. Os espazos utilizados non supoñen ningún custo engadido no desenvolvemento das probas, en tanto que foron ou ben cedidos gratuitamente por outra Administración ou son de titularidade da Xunta.

Segundo o establecido na convocatoria, debido ao número de participantes e á complexidade para a súa organización, o tribunal estableceu diferentes chamamentos. Todos os datos respecto disto están publicados na web da Dirección Xeral da Función Pública.

A proba de natación consiste en nadar un total 50 metros no estilo elixido polas persoas aspirantes nun tempo máximo de noventa (90) segundos os homes e cen (100) segundos as mulleres. Os aspirantes deberán utilizar traxes de baño, do modelo que desexen.

O primeiro dos exercicios celebrouse o pasado 22 de xullo. Foi un exame ao que se convocaron 711 persoas e que se desenvolveu no auditorio do recinto da Feira Internacional de Galicia, en chamamento único. Consistiu en contestar por escrito un cuestionario de 100 preguntas tipo test, 20 delas da parte xeral e 80 da parte específica, máis cinco preguntas de reserva.

Protexerán os recursos mariños de Galicia
Os axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia –adscrito á Consellería do Mar– teñen entre outras, as funcións de custodiar, protexer, vixiar e defender os recursos mariños de Galicia e controlar o aproveitamento destes recursos, así como vixiar e previr a contaminación mariña, participando nas tarefas de eliminación.