Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta convoca 66 prazas de emprego público para reforzar áreas como a veterinaria e a loita contra a fraude fiscal

A Xunta convoca 66 prazas de emprego público para reforzar áreas como a veterinaria e a loita contra a fraude fiscal

  • A Administración galega tamén aumentará o persoal de inspección de consumo
  • As convocatorias reservan un total de 4 prazas para as persoas con discapacidade
  • O DOG tamén publica hoxe as listas definitivas de admitidos e excluídos nos procesos selectivos das escalas superior e técnica de finanzas, biólogos, químicos e gardacostas

 

Santiago, 7 de abril de 2017.- A Xunta convocou hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) 66 prazas de emprego público para reforzar áreas como a veterinaria e a loita contra a fraude fiscal. Ademais, a Administración autonómica tamén aumentará o persoal dedicado á inspección de consumo.

 

Das 66 prazas convocadas, 55 son para a escala de veterinarios (subgrupo A1) que permitirán reforzar os servizos veterinarios e a seguridade alimentaria; 8 para a escala superior de finanzas (subgrupo A1) co obxectivo de reforzar a inspección contable e financeira, e a comprobación e recadación tributaria; e 3 para a escala de axentes de inspección, na especialidade de consumo (subgrupo C1).

 

As convocatorias publicadas hoxe no DOG reservan un total de 4 prazas para as persoas con discapacidade, que serán cubertas polo sistema de concurso-oposición.

 

Todas as convocatorias inclúen as normas xerais, os requisitos que deberán posuír as persoas aspirantes e os programas que rexerán os distintos procesos selectivos. Aquelas persoas interesadas en participar nestes procesos selectivos poderán presentar a súa solicitude no prazo de 20 días naturais a contar dende mañá.

 

Listas definitivas

Por outra banda, o DOG tamén publica hoxe as listas definitivas de aspirantes admitidos e excluídos para os procesos selectivos convocados nas escalas superior e técnica de finanzas, biólogos, químicos e gardacostas.

 

Para a escala superior de finanzas (subgrupo A1), convocáronse 8 prazas, con 136 persoas admitidas e 16 excluídas; para a escala técnica de finanzas (subgrupo A2), convocáronse tamén 8 prazas, con 404 aspirantes admitidos e 20 excluídos. Pola súa banda, para a escala de axentes do servizo de gardacostas de Galicia (subgrupo C1) convocáronse un total de 20 prazas, con 711 admitidos e 120 excluídos. Finalmente, para a escala de ciencias, especialidade de química, convocáronse 3 prazas, con 149 persoas admitidas e 37 excluídos; e para a escala de ciencias, especialidade de bioloxía, foron convocadas 11 prazas con un total de 329 aspirantes admitidos e 28 excluídos.