Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta convoca oposicións a 33 prazas de emprego público para enxeñeiros, biólogos, químicos, estatísticos e letrados

A Xunta convoca oposicións a 33 prazas de emprego público para enxeñeiros, biólogos, químicos, estatísticos e letrados

  • Un total de 21 prazas son de acceso libre e vanse cubrir por oposición
  • O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, que se contarán dende o día seguinte á data de publicación da convocatoria no DOG

 

Santiago, 3 de maio de 2016.- A Xunta de Galicia vén de convocar no Diario Oficial de Galicia (DOG) oposicións para a cobertura de 33 prazas nas escalas de funcionarios da Administración galega. Estas oposicións permitirán cubrir prazas de emprego público para reforzar as escalas de enxeñeiros, químicos, biólogos, estatísticos e letrados da Administración galega.

 

Estas oposicións permitirán reforzar distintas escalas de funcionarios da Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma. En concreto, 11 prazas serán para a escala de ciencias, especialidade de bioloxía; 7 para a escala de enxeñeiros técnicos, na especialidade de enxeñería técnica industrial; e 4 para a escala de enxeñeiros, especialidade de enxeñería industrial.

 

Ademais, a Xunta convoca tamén 4 prazas de acceso á escala superior de estatísticos; 3 prazas para a escala de ciencias, especialidade de química; e 4 prazas para a escala de letrados da Administración galega.

 

As convocatorias destas oposicións publícanse no DOG ao longo desta semana, entre hoxe e mañá. Destas prazas, 21 son de acceso libre, cubriranse por oposición e a elas pode presentarse calquera persoa que reúna os requisitos e queira traballar na Xunta de Galicia.

 

Das prazas restantes, 11 cubriranse por promoción interna –reservado para os empregados públicos- e tamén por sistema de oposición; e outra praza convocarase mediante proceso extraordinario de consolidación de emprego mediante concurso-oposición.

 

As convocatorias inclúen as normas xerais, os requisitos que deberán posuír as persoas aspirantes e os programas que rexerán os distintos procesos selectivos. Todas as persoas interesadas en participar nestas oposicións poderán presentar a súa solicitude no prazo de 20 días naturais que se contarán desde o día seguinte á data de publicación da convocatoria.