Volver ao contido

Notas de prensa

« Atrás

A Xunta convoca oposicións para cubrir 614 prazas de emprego público en distintas áreas da Administración galega

A Xunta convoca oposicións para cubrir 614 prazas de emprego público en distintas áreas da Administración galega

  • É a maior convocatoria simultánea de oposicións no eido da administración xeral dos últimos anos, e prevese unha alta participación
  • O 40% das prazas que se convocan son de acceso libre, polo que poderá acceder a elas calquera persoa que queira traballar na Xunta
  • Haberá 76 prazas na categoría de camareiro limpador-axudante de cociña, as primeiras oposicións desde 2006 e que reforzarán os centros de servizos sociais
  • Tamén se aproban 121 prazas para persoal de consellerías dos grupos A1, A2 e C2
  • Outras 51 prazas son para persoal de alta especialización no eido da enxeñaría, as finanzas e a informática
  • As convocatorias publícanse entre hoxe e mañá no Diario Oficial de Galicia
  • As persoas interesadas en participar nas oposicións teñen 20 días para inscribirse

 

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2018.- A Xunta de Galicia convocará entre hoxe e mañá 18 oposicións para cubrir un total de 614 prazas de emprego público en distintas áreas da Administración galega. Esta é a maior convocatoria simultánea de oposicións no eido da Administración xeral nos últimos anos, e a previsión da Xunta é que haxa unha alta participación dado que un número importante de prazas é de acceso libre.

 

Un total de 248 prazas –o 40% do conxunto- son de acceso libre e a elas poderá acceder calquera persoa que queira traballar na Xunta e cumpra os requisitos de acceso. As outras 366 prazas son de promoción interna, é dicir, reservadas a persoal que xa traballa na Administración galega e que quere promocionar a un posto de maior categoría ou que se adapta mellor ás súas preferencias.

 

Entre as convocatorias que se publican esta semana no Diario Oficial de Galicia inclúese as oposicións para cubrir 76 prazas na categoría de camareiro/a-limpador/a e axudante de cociña, coas que se reforzarán os centros de servizos sociais dependentes da Xunta. Son as primeiras oposicións convocadas nesta categoría desde 2006 e nelas poderá participar calquera persoa que acredite ter o certificado de escolaridade obrigatoria.

 

Ademais, a Xunta tamén convoca 121 prazas de acceso libre para reforzar as distintas consellerías. Desta cifra, 53 prazas correspóndense con auxiliares administrativos (grupo C2), 38 para o corpo superior da Administración (grupo A1) e outras 30 prazas para o corpo de xestión da Administración (grupo A2).

 

A Xunta inclúe tamén nestas convocatorias de acceso libre 51 prazas de alta especialización, que inclúen 28 prazas en catro escalas de enxeñaría, 16 prazas para a escala superior e técnica de finanzas e outras 7 para a escala de informáticos/as e para inspección urbanística.

 

En canto á promoción interna, as convocatorias contan con 350 prazas para persoal de consellerías –incluídas 44 para grupo A1, 70 no grupo A2, 130 no grupo C1 e 106 no C2- e outras 16 prazas para escalas de informática.

 

Inscrición nas oposicións

As 18 convocatorias publicaranse no Diario Oficial de Galicia entre hoxe, mércores 7 e mañá, xoves 8 de marzo. Todas as convocatorias incluirán as normas xerais, os requisitos que deberán posuír as persoas que queren inscribirse nas probas e os programas que rexerán os distintos procesos selectivos.

 

Todas as persoas interesadas en participar nestas oposicións poderán presentar a súa solicitude no prazo de 20 días naturais, que empeza a contar desde o día seguinte á publicación da convocatoria no DOG. Posteriormente, a Xunta publicará a lista de persoas admitidas e excluídas en cada convocatoria.

 

PUBLICACIÓN CONVOCATORIAS EN DOG:

 

Mércores, 7 de marzo

 

ACCESO LIBRE:

 

Prazas

Camareiro/a limpador/a – Axudante de cociña (grupo V)

76

Corpo superior da Administración (A1)

38

Corpo de xestión da Administración (A2)

30

Corpo auxiliar da Administración (C2)

53

Escala de enxeñeiros/as de camiños, canles e portos

9

Escala de enxeñeiros/as técnicos/as de obras públicas

5

Escala de enxeñeiros/as agronómicos/as

6

Enxeñería Técnica Agrícola

8

Escala de subinspección urbanística

3

Escala de informática - Sistema e tecnoloxías da información

4

 

Xoves, 8 de marzo

 

ACCESO LIBRE:

 

Prazas

Escala superior de finanzas

6

Escala técnica de finanzas

10

PROMOCIÓN INTERNA:

Corpo superior da Administración

44

Corpo de xestión da Administración

70

Corpo administrativo da Administración

130

Corpo auxiliar da Administración

106

Sistemas e tecnoloxías da información

8

Escala xestión de sistemas de informática

8