Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta convoca oposicións para que 266 empregados públicos poidan lograr un ascenso ou un cambio de categoría

A Xunta convoca oposicións para que 266 empregados públicos poidan lograr un ascenso ou un cambio de categoría

  • Estes procesos selectivos facilitan a progresión profesional do traballador e a conciliación da súa vida familiar e laboral
  • Inclúen 126 prazas do grupo IV e 140 do grupo V, todas para persoal laboral fixo
  • As persoas que superen estas oposicións reforzarán os centros de servizos sociais e o servizo de loita contra os incendios forestais, entre outras áreas

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2017.- A Xunta de Galicia convocou hoxe oposicións para que 266 empregados públicos poidan acadar un ascenso ou un cambio de categoría, co obxectivo de facilitar a súa progresión profesional e facilitar a conciliación da súa vida familiar e laboral. Estes procesos selectivos beneficiarán a empregados públicos que teñen a consideración de persoal laboral fixo.

Segundo recolle a resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), estas oposicións inclúen un total de 266 prazas de promoción interna. Delas, 126 corresponden ao grupo IV da Administración autonómica, e as 140 restantes ao grupo V. As persoas que superen estas oposicións reforzarán áreas de actuación prioritarias coma os centros de servizos sociais ou o servizo de loita contra os incendios forestais.

Ademais, as convocatorias publicadas hoxe reservan un total de 16 prazas para as persoas con discapacidade, nove delas para auxiliar de enfermaría (grupo IV) e outras sete para a categoría de camareiro/a-limpador/a - axudante/a cociña (grupo V).

As oposicións de promoción interna están reservadas a empregados públicos que xa teñen praza na Administración, e que queren acceder a un posto de maior categoría ou que se adapta mellor ás súas preferencias, sempre que as persoas aspirantes reúnan os requisitos e superen o correspondente proceso selectivo. Con estas oposicións, a Xunta de Galicia garante o dereito dos empregados públicos á súa promoción profesional.

A relación de prazas e a súa distribución é a que a continuación se indica:

Grupo

Categoría

Total
prazas

IV

003 Auxiliar de enfermaría

96

IV

033 Condutor/a autobomba defensa contra incendios forestais

30

V

001 Camareiro/a-Limpador/a. Axudante/a cociña

76

V

14 Bombeiro/a forestal

22

V

14A Bombeiro/a forestal condutor

22

V

10B Vixiante fixo/a de defensa contra incendios forestais

10

V

0C Emisorista de defensa contra incendios forestais

10