Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta de Galicia aproba un teito de gasto para 2018 de 9.487 millóns, un 5,4% máis que o orzamento deste ano

A Xunta de Galicia aproba un teito de gasto para 2018 de 9.487 millóns, un 5,4% máis que o orzamento deste ano

  • Disporá de 490 millóns máis ao aumentar 261 millóns o Orzamento actualizado e consolidar os 229 millóns incluídos na Lei de impulso ao crecemento económico
  • Os recursos da Xunta teñen medrado en máis de 1.000 millóns en tres anos
  • Galicia reducirá en 108 millóns o déficit e mantén a aposta polo crecemento san
  • O Goberno galego revisa con forza, ata o 3,1%, a previsión do PIB para este 2017, sete décimas máis que o estimado nos Orzamentos
  • Galicia seguirá medrando en 2018 e reducindo a taxa de desemprego

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2017.- O Consello da Xunta aprobou hoxe o teito de gasto non financeiro da Xunta de Galicia para 2018, que ascende a 9.487 millóns de euros, un 5,4% máis que o orzamento aprobado pola Xunta para este ano. Isto supón que o gasto da Comunidade Autónoma para o vindeiro exercicio poderá aumentar ata 490 millóns de euros respecto ao orzamento para 2017.

O acordo do Consello da Xunta establece que o límite de gasto para 2018 ascenderá a 9.487 millóns de euros, o que representa un incremento de 261 millóns sobre o Orzamento actualizado neste 2017. A este incremento, hai que sumar a consolidación dos 229 millóns de euros incluídos na Lei de impulso ao crecemento económico –aprobada este mes na Cámara–, polo que o aumento chegará ata os 490 millóns de euros.

Dos 9.487 millóns de euros de límite de gasto aprobado hoxe, 9.277 son ingresos non financeiros, 190 proceden do déficit e 20 millóns de axustes de contabilidade nacional. En total, os recursos da Xunta teñen medrado en máis de 1.000 millóns de euros en tres anos, froito dos maiores ingresos pola recuperación económica e do emprego. Non obstante, a capacidade de gasto é aínda maior pola importante baixada do gasto en xuros da débeda.

Precisamente, o límite de gasto non financeiro para 2018 establece que Galicia volverá reducir o recurso ao endebedemento en 108 millóns, cun déficit previsto do 0,3%, case a metade que o estimado para este exercicio. Galicia mantén a súa aposta por un crecemento san que permite incrementar os investimentos e reforzar o gasto social ao tempo que se reduce o gasto en xuros da débeda, e cumprindo sempre os obxectivos aprobados no Consello de Política Fiscal e Financeira, como vén facendo todos os anos.

De feito, os últimos datos oficiais confirman que Galicia é a segunda comunidade autónoma que realiza maior esforzo investidor, e tamén é a que menos incrementou o seu endebedamento durante a crise. Ademais, mantense entre as comunidades que pagan máis rápido ao seus provedores, cun período medio de pago tres veces inferior á media.

Unha vez aprobado hoxe no Consello da Xunta, o Goberno galego remitirá inmediatamente o acordo ao Parlamento para a súa aprobación na Cámara autonómica.

A economía medra máis do previsto
En canto ás estimacións macroeconómicas, a Xunta de Galicia prevé que neste 2017 a economía galega rexistrará un mellor comportamento do previsto. O novo cadro macroeconómico mostra que o PIB de Galicia medrará este ano un 3,1%, sete décimas máis do estimado nos Orzamentos vixentes (2,4%), grazas, principalmente, ao mellor comportamento das exportacións galegas e do sector servizos.

Respecto da taxa de paro, a previsión da Xunta para este ano é que se manteña a baixada do desemprego ata o 15,6%, de xeito que Galicia conseguirá crear no conxunto do ano uns 20.000 novos postos de traballo, cumprindo tamén as previsións.

O Goberno galego tamén deu a coñecer as primeiras estimacións para o ano 2018, no que se prevé que a economía galega siga medrando a taxas elevadas. En concreto, a estimación do PIB sitúase no 2,7%, por riba do obxectivo do 2,5% fixado no Plan Estratéxico de Galicia para o período 2015-2020. Ademais, a taxa de paro seguirá baixando ata situarse no 14%.

Os últimos datos de Contabilidade Trimestral publicados a finais de maio polo Instituto Galego de Estatística seguen confirmando a consolidación da recuperación da economía galega, xa que o PIB galego segue a medrar a un ritmo anual superior ao 3%.