Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta de Galicia aproba un teito de gasto para 2019 de 9.850 millóns, un 3,8% máis que este ano

A Xunta de Galicia aproba un teito de gasto para 2019 de 9.850 millóns, un 3,8% máis que este ano

  • Disporá de 363 millóns de euros máis que no Orzamento deste exercicio
  • Os recursos da Xunta teñen medrado en máis de 1.400 millóns en catro anos
  • Galicia reducirá ao 0,1% o déficit e mantén a aposta polo crecemento san
  • O Goberno galego eleva ao 2,8% a previsión do PIB para este 2018, tres décimas máis que o estimado nos Orzamentos
  • As previsións para 2019, avaladas xa pola AIREF, indican que Galicia seguirá medrando en 2019, ao 2,5%, e reducindo a taxa de desemprego

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2018.- O Consello da Xunta aprobou hoxe o teito de gasto non financeiro da Xunta de Galicia para 2019, que ascende a 9.850 millóns de euros, un 3,8% máis que o orzamento aprobado pola Xunta para este ano. Isto supón que o gasto da Comunidade Autónoma para o vindeiro exercicio poderá aumentar ata 363 millóns de euros respecto ao orzamento para 2018.

Tal como avanzara onte o presidente da Xunta no Debate de política xeral celebrado no Parlamento, o Consello aprobou o teito de gasto para poder presentar en tempo e forma os Orzamentos do vindeiro exercicio. O teito de gasto non financeiro para 2019 contará con máis recursos -363 millóns máis- e con menos débeda, posto que Galicia reducirá o seu déficit ata os 69 millóns de euros, o 0,1% do PIB. Isto quere dicir que, no 2019, Galicia non dependerá practicamente da débeda pública.

Dos 9.850 millóns de euros de límite de gasto aprobado hoxe, 9.756 son ingresos non financeiros, 69 proceden do obxectivo de déficit e 25 millóns de axustes de contabilidade nacional. Con todo, a capacidade de gasto real en 2019 será maior destes 363 millóns, xa que Galicia volverá reducir o gasto en xuros de débeda. Así, no vindeiro ano, Galicia acadará practicamente a estabilidade orzamentaria grazas ao esforzo feito desde 2009.

Galicia mantén a súa aposta por un crecemento san que permite incrementar os investimentos e reforzar o gasto social ao tempo que se reduce o gasto en xuros da débeda, e cumprindo sempre os obxectivos de estabilidade orzamentaria aprobados no Consello de Política Fiscal e Financeira, como vén facendo todos os anos.

Hai que ter en conta que a Comunidade galega contará en 2019 con 1.400 millóns de euros máis respecto do ano 2015. Estes maiores recursos permitirán consolidar a recuperación económica, desenvolver novas políticas de impulso, fortalecer a reactivación do emprego e, en definitiva, lograr que a recuperación sexa completa e chegue a todos os fogares galegos.

Previsións macroeconómicas
En canto á actualización do cadro macroeconómico, a Xunta de Galicia prevé que neste 2018 a economía galega rexistre un mellor comportamento do previsto. O novo cadro mostra que o PIB de Galicia medrará este ano un 2,8%, tres décimas máis do estimado nos Orzamentos en vigor. Respecto do desemprego, a previsión da Xunta para este ano é que se manteña a baixada da taxa de paro ata o 14,1%, mellorando nunha décima a previsión.

Esta mellora dos dous indicadores é consecuencia do comportamento económico do primeiro semestre, que foi mellor do agardado, pero tamén ten en conta a inestabilidade e as incertezas que xa están a afectar ao conxunto de España.

O Goberno galego tamén deu a coñecer as primeiras estimacións para 2019, unhas previsións que veñen de ser avaladas pola Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIREF). En 2019 prevese que a economía galega siga medrando con forza e a estimación de evolución do PIB galego sitúase no 2,5%, na liña do previsto no Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020. Ademais, a taxa de paro seguirá baixando ata situarse no 12,7%, froito da mellora do mercado laboral.

Con estas previsións, o Executivo galego agarda cumprir o obxectivo de que Galicia siga medrando máis que España e que, deste xeito, continúe avanzando no proceso de converxencia co resto do Estado, como vén facendo nos últimos anos.

Unha vez aprobado hoxe no Consello da Xunta, o Goberno galego remitirá inmediatamente o acordo ao Parlamento para a súa aprobación na Cámara autonómica.