Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta destaca que o novo Tribunal Administrativo de Contratación Pública reforzará o autogoberno de Galicia

A Xunta destaca que o novo Tribunal Administrativo de Contratación Pública reforzará o autogoberno de Galicia

  • O vicepresidente da Xunta e o conselleiro de Facenda presidiron hoxe en Santiago a toma de posesión dos membros do novo órgano
  • O Tribunal actuará con independencia no exercicio das súas competencias e o seu ámbito de actuación tamén incluirá a Administración local e as universidades

Santiago de Compostela, 28 de febreiro.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, destacou hoxe que o novo Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma permitirá reforzar o autogoberno de Galicia. Así o explicou no acto de toma de posesión dos tres membros deste órgano no que tamén participou o Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda.

Este organismo encargarase de resolver os recursos especiais no eido da contratación administrativa e o seu ámbito de actuación será todo o sector público autonómico, incluídas as administracións locais e as universidades.

O Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma actuará con total independencia no exercicio das súas competencias, e terá entre as súas funcións o coñecemento e resolución dos recursos especiais en materia de contratación. Entre eles figuran os contratos de obras cuxo valor estimado sexa superior a tres millóns de euros, ou de subministro e servizos que teñan un valor estimado superior a 100.000 euros.

Valeriano Martínez tamén lembrou que entre os anos 2014 e 2017 o Tribunal administrativo central de recursos contractuais resolveu máis de 600 recursos interpostos ante órganos de contratación do ámbito autonómico e local. Destes, aproximadamente dous terzos foron presentados ante a Xunta e o sector público autonómico, e o resto ante as entidades locais.

Presidente e vogais do Tribunal
A presidencia do tribunal será ocupada polo letrado Santiago Valencia, licenciado en Dereito pola Universidade da Coruña. É funcionario de carreira de Xunta e pertence á escala de letrados desde 1998. Ata agora, era o xefe de gabinete de Asuntos Constitucionais na Asesoría Xurídica Xeral da Xunta.

En canto aos vogais, Ana María de Frutos Martínez é licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago. É funcionaria de carreira do corpo superior da Xunta desde 1985 e viña desempeñando o cargo de xefa do servizo do Rexistro Xeral e información á cidadanía da Xunta, dependente da Vicepresidencia da Xunta.

O outro vogal, Tomás Otero Ferreiro, é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago. É funcionario de administración local con habilitación de carácter nacional desde 2001, e ata agora era xefe do servizo de Xestión e Coordinación Administrativa na Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, na Consellería de Política Social.