Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta incrementou as actuacións contra a fraude fiscal en 2016 e fixo aflorar case 140 millóns de débeda non declarada

A Xunta incrementou as actuacións contra a fraude fiscal en 2016 e fixo aflorar case 140 millóns de débeda non declarada

  • A Axencia Tributaria de Galicia incrementou un 6% a revisión de autoliquidacións de impostos, ata superar as 280.000 comprobacións
  • Os datos da ATRIGA ratifican que en 2016 baixou a fraude fiscal, xa que mellorou en 4 puntos a porcentaxe de galegos que pagaron correctamente os seus impostos
  • No eido da inspección, o ente tributario galego triplicou as actuacións sobre grandes patrimonios, que teñen un período máis longo de investigación
  • O mellor comportamento dos contribuíntes fixo diminuír o total de débeda non declarada, que se reduciu un 7% pese ao aumento da actividade de control
  • A concesión de aprazamentos e fraccionamentos reduciuse un 14% porque hai menos solicitudes, a causa da mellor situación económica
  • Neste 2017, o ente tributario galego traballará con novas fontes de datos, como a información de Internet ou das redes sociais
  • Tamén impulsará o intercambio de información co Estado para facilitar a localización de patrimonio oculto no estranxeiro

 

Santiago, 9 de febreiro de 2017.- A Xunta de Galicia incrementou en 2016 as súas actuacións de loita contra a fraude fiscal, grazas a isto a Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) fixo aflorar o pasado ano 139 millóns de euros de débeda non declarada polos contribuíntes, segundo consta nun informe elaborado pola Consellería de Facenda e abordado hoxe no Consello da Xunta.

 

En concreto, a ATRIGA comprobou o pasado ano 280.397 autoliquidacións do Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP) e do Imposto sobre Sucesións e Doazóns (ISD), xa que ambos tributos concentran a maior parte dos ingresos tributarios xestionados pola Xunta. Isto supuxo un aumento do 6% respecto ás 264.913 autoliquidacións revisadas en 2015.

 

Unha das conclusións do informe é que en 2016 houbo unha baixada da fraude fiscal, xa que o 92% das autoliquidacións revisadas pola Administración galega eran correctas e non precisaron modificacións. Esta porcentaxe medrou catro puntos respecto ao 88% rexistrado en 2015, o que mostra aínda máis que a inmensa maioría dos contribuíntes galegos pagan correctamente os seus impostos.

 

Trala revisión desas 280.397 autoliquidacións, no caso de detectar que non é correcta a ATRIGA practicou unha liquidación para que o contribuínte tribute conforme á legalidade. O número de liquidacións practicadas a raíz dunha comprobación foi de 22.961, unha cantidade inferior á de 2015 porque, precisamente, medrou a porcentaxe de contribuíntes que se adecuaron á normativa vixente e tributaron de xeito correcto. Froito do labor da área de xestión, a Axencia Tributaria de Galicia detectou 102,6 millóns de débeda non declarada.

 

Máis inspeccións e menos aprazamentos

En canto á área de inspección, o organismo tributario da Xunta triplicou as actuacións realizadas sobre os grandes patrimonios, que teñen un período máis longo de investigación dada a súa dificultade, polo que os seus efectos recadatorios terán efecto nos seguintes exercicios. En todo caso, os procedementos de inspección da ATRIGA fixeron aflorar en 2016 un total de 36,3 millóns de euros.

A suma dos 102,6 millóns de euros obtidos polas actuacións de xestión e dos 36,3 millóns dos labores de inspección conforman os 139 millóns de euros aflorados pola Axencia Tributaria de Galicia durante o pasado ano. En canto ás valoracións, o número de bens valorados pola ATRIGA en 2016 ascendeu a 517.557, o que supón un incremento do 1,1% respecto ao ano anterior.

 

Ademais, en 2016 a ATRIGA concedeu aprazamentos e fraccionamentos no pago de impostos por un importe de 21,1 millóns. Esta baixada –do 14% sobre 2015– débese a que houbo menos solicitudes pola mellora da situación económica, que fai que os contribuíntes galegos teñan menos dificultades para afrontar as súas obrigas tributarias.

 

Novas fontes de datos: internet e redes sociais

En canto ao plan de control tributario para 2017, a Xunta inclúe como novidades a busca de novas fontes de datos –como a información procedente de internet e das redes sociais-, ao tempo que impulsará o intercambio de información co Estado –a través da AEAT– para poder recibila de forma masiva e non de xeito individual, o que redundará nunha mellor xestión e unha redución dos custos administrativos.

 

A Axencia Tributaria de Galicia tamén traballará este ano no acceso a nova información da AEAT derivada de novas obrigas de información e de novos convenios de colaboración entre España e outros Estados, e que poña de manifesto a titularidade de patrimonio oculto. Ademais, a Administración galega promoverá o intercambio de información coa AEAT sobre o cumprimento da condición de vivenda habitual, o que servirá para controlar mellor a aplicación dos beneficios fiscais asociados a vivenda.

 

Ademais, a ATRIGA porá en marcha este ano un plan especial de control da fraude fiscal para obter outros 20 millóns de euros. Este plan xa está incluído nos Orzamentos da Xunta para 2017, aprobados esta semana no Parlamento.