Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta inicia a constitución do Tribunal Administrativo que vai resolver os recursos especiais no eido da contratación pública

A Xunta inicia a constitución do Tribunal Administrativo que vai resolver os recursos especiais no eido da contratación pública

  • Galicia asumirá unha función que agora realiza o Ministerio de Hacienda
  • Os recursos especiais son os máis relevantes na contratación das administracións
  • O Tribunal actuará con independencia no exercicio das súas competencias e estará conformado por tres persoas: unha ocupará a presidencia e dúas serán vogais
  • O seu ámbito de actuación tamén incluirá a Administración local e as universidades

 

Santiago, 19 de xaneiro de 2017.- O Consello da Xunta acordou hoxe o inicio do proceso de constitución do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, un organismo que estará adscrito á Consellería de Facenda e que se encargará de resolver os recursos especiais no eido da contratación administrativa.

 

Na actualidade, os recursos especiais –os de maior relevancia na contratación pública- no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia son resoltos por un órgano adscrito ao Ministerio de Hacienda. Unha vez posto en marcha este tribunal, Galicia asumirá unha competencia que neste momento é desenvolvida pola Administración central.

 

O Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma actuará con total independencia no exercicio das súas competencias, e estará conformado por tres persoas: unha delas ocupará a presidencia do tribunal, e as outras dúas serán vogais.

 

A Xunta seleccionará as persoas que conformarán o tribunal a través dunha convocatoria pública. En todo caso, o presidente do Tribunal deberá ser funcionario de carreira, de corpo ou escala para cuxo acceso sexa requisito necesario o título de licenciado ou grao en Dereito e cunha experiencia profesional superior a dez anos. Ademais, valorarase a súa experiencia profesional no ámbito da contratación pública.

 

Os vogais tamén se designarán entre aqueles funcionarios de carreira que conten co título de licenciado ou grao en Dereito e que teñan unha actividade profesional superior a dez anos, valorando igualmente a súa experiencia profesional no ámbito da contratación pública. A duración do mandato dos membros do tribunal será de seis anos, aínda que a primeira renovación do tribunal realizarase de forma parcial aos tres anos do nomeamento.

 

Funcións

O Tribunal Administrativo de Contratación Pública terá entre as súas funcións o coñecemento e resolución dos recursos especiais en materia de contratación.

 

Entre eles figuran os contratos de obras, concesión de obras públicas, contratos de subministro e contratos de servizos (cuxo valor estimado sexa igual ou superior a 209.000 euros comprendidos entre a categoría 1 a 16 do Anexo II) suxeitos todos eles a regulación harmonizada.

 

Tamén resolverá os recursos de contratos de servizos das categorías 17 a 27 que excedan de 209.000 euros e os contratos de xestión de servizos públicos nos que o orzamento de gastos de primeiro establecemento -excluído o IVE- sexa superior a 500.000 euros e o prazo de duración supere os 5 anos.

 

O ámbito de competencia deste tribunal abarcará a Xunta e as entidades do sector público autonómico que teñan a consideración de poder adxudicador; as entidades locais, e as súas respectivas entidades que sexan poder adxudicador; e por último ás universidades públicas.

 

Durante o ano 2016, o Tribunal Administrativo central de recursos contractuais -que nun  futuro próximo substituirá o Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma- resolveu 140 reclamacións diante dos órganos de contratación de Galicia.